Publicidade
Contacto
|
*2009: Ano Internacional da Aprendizaxe dos Dereitos Humanos
• As Nacións Unidas dedican todo o ano 2009 a aprendizaxe dos Dereitos Humanos
Redacción 03 de xaneiro de 2008 Mentres continúa a masacre sionista en Gaza, diante da insoportable parálise da comunidade internacional, vendo como se vulneran sistematicamente os dereitos humanos máis elementais, Nacións Unidas, por medio da súa Alta Comisionada, Navi Pillay, ven de dedicar -todo o ano 2009- á aprendizaxe deses dereitos, unha iniciativa máis de conmemoración do 60 Aniversario da Declaración de 1948.
O Seminario Galego de Educación para a Paz que saúda e comparte este chamamento e a dedicatoria, compromete a súa humilde capacidade a promover, durante todo este curso académico, como ven facendo desde 1985, entre o profesorado e a comunidade educativa, a sensibilización e a mobilización social da cidadanía galega a prol dos valores cívicos e democráticos: a paz, a igualdade, a xustiza, a liberdade e a solidariedade, bases da concordia e da convivencia, e que son o fundamento da Cultura da Paz.
Nacións Unidas, que alenta a ministerios, institucións, docentes, pais e nais, de todo o mundo, a aproveitar esta oportunidade para asegurar que a próxima xeración teña maiores oportunidades de esixir o que lles foi prometido nese documento extraordinario coñecido como Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, debera ter máis capacidade para garantir o seu cumprimento e perseguir as súas continuas violacións, o que pon de manifesto, unha vez máis, a necesaria e profunda reforma que o sistema de relacións internacionais necesita.
É a sociedade civil global, co seu protagonismo crecente, a que finalmente será quen de construír unha auténtica gobernanza planetaria, democrática, capaz de velar polos dereitos, especialmente, os dos humanos máis desfavorecidos.
O Seminario Galego de Educación para a Paz, que xa dedicou o ano 2008 a promover, en colexios e institutos, tamén na sociedade, o coñecemento e a práctica dos dereitos da Declaración Universal, continuará, neste 2009 que comeza, nesa mesma dirección, con máis ilusión e esforzo se cabe, con iniciativas próximas, como son, o Día Escolar pola Paz o vindeiro 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi ou cos XXIV Encontros de Educación para a Paz (12, 13 e 14 de Marzo) precisamente sobre a pedagoxía dos dereitos humanos.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|