ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Mesa reclámalle ao PP “máis seriedade e menos crispación” no debate sobre a galeguización do ensino
• “O PP debería aclarar cal é o modelo lingüístico que defende para o ensino en Galiza e deixar de procurar a bronca pola bronca”
• A Mesa considera “calamitosa” a situación do galego en infantil


Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 27 de xaneiro de 2008 A Mesa pola Normalización Lingüística solicítalle á dirección do PP que defina cal é o modelo lingüístico que defende para o ensino en Galiza. A entidade cidadá acusa este partido político de carecer “dunha postura minimamente clara” e recorda que “no 2001, o PP votou no Congreso pola plena galeguización do ensino; no 2004, no Parlamento galego polo 50%; no 2007 negociou e defendeu un decreto que decidiu criticar a última hora, para terminar defendendo a aplicación para Galiza do modelo vasco.”

No que levamos de 2008, A Mesa considera que o modelo do PP “será un ou outro dependendo de quen fale”. “Se se lle pregunta a Mariano Raxoi, hai que excluír o galego como lingua de docencia; se se lle pregunta a Manuela López Besteiro, portavoz de Educación do grupo parlamentar, hai que ir polo modelo vasco; se se lle pregunta a Núñez Feixó, di que o 50%.”

A Mesa sostén que “non é propio dun partido serio procurar a crispación nun tema tan importante para a convivencia e a cohesión social, máis aínda sen ter un modelo claro para propor e nin tan sequera un compromiso de que os acordos a que se cheguen serán respectados”. A organización en defensa da lingua lembra, a respecto diso, que “o PP votou en favor de todas as leis, tratados e acordos que agora critica con tanta escandaleira cínica”.

A pesar destes “debates que procuran a crispación”, A Mesa asegura que “os niveis de cumprimento da lexislación lingüística no ensino non mudaron de xeito relevante coa actual Consellaría de Educación” e considera “calamitosa” a situación do galego concretamente na etapa de infantil, de 3 a 6 anos. “Os gobernos responsábeis cumpren as leis, porén nin antes o PP nin agora o PSOE fixeron cumprir a lexislación lingüística no ensino, o cal limita a formación do estudantado e pon en perigo a cohesión social e o futuro da cultura galega”, lamentan.



Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com