ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O BNG defende que se regulamente o dereito ao aborto mediante unha lei de prazos
• Rosario Fernández Velho defende que se garanta a posibilidade de interromper voluntariamente o embarazo na rede sanitaria pública e de xeito gratuíto

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 15 de xaneiro de 2008 Rosario Fernández Velho, secretaria de Acción Feminista do BNG, asegura que os ataques contra as clínicas onde se practican abortos, así como as citacións xudiciais ás mulleres que interromperon voluntariamente o seu embarazo, son “gravísimos”. Fernández Velho asegura que a sociedade require que se abra un “debate serio sobre a regulamentación do dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo dentro dun prazo e con todas as garantías xurídicas, sanitarias e sociais”.

Nesa liña, Fernández Velho lembrou a iniciativa parlamentar presentada por Ana Pontón no Parlamento Galego durante o pasado mes de novembro, pola que se reclamaba que o goberno galego instase ao goberno de Madrid a modificar a actual lei do aborto cara a unha lei de prazos.

Os nacionalistas consideran que a legalización do aborto dentro dun prazo debería contemplar inexcusabelmente en todo caso as garantías “de gratuidade para as mulleres e de calidade do servizo a prestar na rede pública con todo o apoio psicolóxico e social que fose necesario en cada caso”. Así mesmo Fernández Velho asegurou que os poderes públicos deben tomar medidas para previr os embarazos non desexados, xa que o aborto “nunca é desexado e supón un trauma físico e emocional para as mulleres”, polo que avogou por incorporar proxectos de intervención permanente de educación afectivo-sexual desde a escola infantil en adiante, estimular a colaboración das familias e apostar por un modelo co-educativo saudábel.

A Lei de 1986 non serve
A secretaria de Acción Feminista do BNG asegura, por outra parte, que a Lei vixente, de 1986, debe ser superada, posto que no seu día “non deu resposta ás reivindicacións do movemento feminista e das organizacións sociais que sempre pediron a regulación do dereito das mulleres a interromper o embarazo dentro dun prazo de tempo determinado, e por suposto sen custo ningún para elas” e foi estabelecida a lei de supostos polo goberno no poder naquel momento como “concesión a sectores reaccionarios”.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com