Redacción 10 de xaneiro de 2008 O único equipo galego elixido para participar na edición 2008 do Lisboa-Dakar, o Sanxenxo Dakart Leite Río, recuperouse xa da decepción que supuxo a suspensión da trixésima edición do rally máis duro do mundo. O seu máximo representante, o piloto José López Rivas sinalou esta mañá en roda de prensa que “o equipo volveu de novo ao traballo para preparar a alternativa ao Dakar que presente a A.S.O. para o ano que vén, e que se coñecerá no prazo dun mes”. Para esta alternativa barállanse varias posibilidades, como a Patagonia, ou unha ponte entre Europa e Asia, a través do Deserto de Gobi. O obxectivo principal en relación a este raid, como indicou José López, é “seguir sendo a referencia galega e representando a Galiza no rally máis importante do mundo”.
Os pilotos do Sanxenxo Dakart Leite Río, José López Rivas e Pablo Malvar, souberon da noticia da suspensión do Dakar o día anterior ao anuncio oficial (4 de xaneiro), unha vez xa tiñan o coche, Mitshubishi L200, no Parque Pechado e con todas as verificaciones feitas. “No seu momento foi un duro golpe, e tardas en asimilalo, pero unha vez regresamos a casa xa vimos as cousas doutro xeito e agora só debemos pensar no futuro”, manifestou José López esta mañá na roda de prensa que ofreceu no Club Internacional de Prensa de Santiago de Compostela.
E o futuro máis inmediato pasa pola participación do equipo Sanxenxo Dakart Leite Río en diferentes probas deportivas e salóns do motor, no que resta de tempada. Así, os plans de acción máis inmediatos do equipo galego pasan pola súa participación, xa confirmada, no raid Baixa España, proba puntuable para o campionato mundial, e que se celebrará no mes de xuño.
Así mesmo, o Mitshubishi L200, o coche oficial da Escudería Parides Dakart, da que é máximo responsable José López, estará presente en diferentes eventos do motor, algúns tan importantes como o Motor Show de Zaragoza, ou a Feira do Automóbil de Vigo.
Outra das accións que se van a levar a cabo é a organización de diferentes exposicións fotográficas en distintos centros comerciais da comunidade, para que o público coñeza a través das instantáneas a dureza da preparación dun rally tan esixente como o Dakar, así como a desolación que provocou nos seus participantes a súa suspensión.
O Sanxenxo Dakart Leite Río, pese a calquera contratempo puntual, seguirá adiante co seu principal obxectivo, seguir promovendo tanto dentro como fora das nosas fronteiras, o deporte e o motor galegos.