ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Cinema
Sección coordinada por Bruño Fraga Bugallo

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


*A Regueifa Plataforma edita o documental CCCV, unha obra de Ramiro Ledo sobre a figura do cineasta galego Carlos Varela
• O documental está editado baixo licenza Creative Commons
• Pódese desacrgar de balde ou visualizar dende Google Video


Chuza! esta nova!
Redacción 31 de xaneiro de 2007 A Regueifa Plataforma, un Netlabel sen ánimo de lucro que distribue na rede obras baixo licenza Creative Commons, ven lanzar o documental CCCV (Cine Clube Carlos Varela) de Ramiro Ledo. No documental o director vai encadeando a historia do nacionalismo galego entre os anos 1975 e 1980 escollendo as imaxes que o cineasta Carlos Varela deixou nun alarde de premontaxe na gravación.

O filme producido por NÓS, Productora Cinematográfica Galega, S.L., da que Carlos Varela fora fundador en 1976, e coproducida pola Fundación Bautista Álvarez, recupera as súas gravacións, patrimonio da cultura galega.

A cámara de Varela deu conta en imaxes da consciencia dun pobo cara a súa autoorganización, e da loita contra a represión no posfranquismo máis inmediato.

Con ese material o director, guionista e realizador do filme documental, Ramiro Ledo Cordeiro, compón unha historia que fai revivir a traxectoria e o estilo do cineasta galego, enraizado no cinema directo dos EUA e a Francia do sesenta e oito: as gravacións de Chris Marker do pobo norteamericano contra a guerra de Vietnam ("A Sexta cara do pentágono"; "O fondo do aire é roxo"), o Willian Klein de "Tardes de enchenta, mañás de famenta", ou a "Batalla deChile" de Patricio Guzmán.

Carlos Varela non deixou que a falta de medios materiais lle impedisen a urxencia de rexistrar no seu modesto súper8mm. a loita dun pobo por se liberar da opresión. É o único cineasta militante dende Carlos Velo (1936) en Galiza.

SOBRE CARLOS VARELA

O pasado agosto cumpríronse vinte e cinco anos do pasamento de Carlos Varela Veiga, "salvo algún traballo do cineasta Carlos Velo, o único realizador galego de cinema militante" (Xosé Paz Rodríguez).

Cineclubista de base na animación e na dirección do cineclube Valle-Inclán de Lugo dende 1971, admiraba a Joris Ivens, o construtivismo soviético de Eisenstein e Dovjenko, o cinema ollo de Dziga Vertov ("O home da cámara"), e a denuncia de latinoamericanos coma o cubano Santiago Álvarez("Now!") ou o boliviano Jorge Sanjinés, mais a súa figura fica hoxe no esquecemento do pobo galego, paradoxalmente orfo de imaxe colectiva nun cinema propio até se ver reflectido no celuloide de Carlos.

As súas gravacións camiñan parellas á aposta de Carlos Velo nas V Xornadas de Cine de Ourense (abril, 1977), xa que parten dunha estrutura documental para o cinema galego coa realización dun noticiario de produción mensual. Un cinema documental de acción directa, que se achegase á realidade do momento.

Carlos percorreu Galiza enteira detrás da súa cámara de cinema para facer a crónica do movemento nacional-popular galego, mais deixou toda unha estela de traballo exemplar no eido da fotografía, na cerámica, no debuxo, no deseño gráfico, no mural, no traballo cos tapices…

Elaborou o anteproxecto de estatutos para unha futura Federación de Cineclubes de Galiza en 1977 (que tomou forma definitiva en 1984), fundou e dirixiu en 1975 "Nós" Cinematográfica Galega e deseñou o anagrama desta sociedade que, no artigo segundo dos estatutos fundacionais, defendía a "incorporación á cultura galega do fenómeno cinematográfico en todas as súas manifestacións".

Na súa memoria, creouse en Compostela o Cineclube Carlos Varela Veiga, que se mantivo en activo entre 1982 e 1987.

No tempo do maio francés, no que se filmaba en 16mm., o pobo galego loitaba contra a usurpación do areal de Baldaio, resistíase ás expropiacións n’As Encrobas, marchaba de Viveiro a Xove para evitar a instalación da central nuclear na costa de Lugo, concentrábase no pavillón de Lugo para suprimir a cota empresarial da Seguridade Social Agraria, e celebraba os días da Patria en Compostela.

A cámara de Carlos Varela captou a resistencia nos últimos anos do franquismo, sen a penas medios, nin recoñecemento. O obxectivo da superoito foi testemuña e rexistro dunha loita, que agora se rescata do esquecemento.

SOBRE O AUTOR

Ramiro Ledo Cordeiro (Lugo, 1980) é presidente do Cineclube de Compostela, crítico de cinema e fundador da revista galega de cinema Ariel.

CREDITOS:
Dirección, guión, montaxe, documentación e cámara: Ramiro Ledo Cordeiro
Produción Executiva: Margarita Ledo Andión
Posprodución de Son: Cristina Morquillas
Posprodución: Gaspar Broullón e Miguel Fernández
Deseño gráfico: X. Carlos Hidalgo Lomba
Transferencia Súper 8-DVD: Ophiusa, CGAI

Pódese ver e descargar o vídeo dende o web d'A Regueifa Plataforma http://www.aregueifa.net/

Fonte: A Regueifa Plataforma

Voltar a Cinema
Ir á Portada



Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com