Publicidade
Contacto
|
*Comezan as votacións para elixir os nominados aos Premios Mestre Mateo 06 da Academia Galega do Audiovisual
• Das Produtoras presentadas, un 79 % son da provincia da Coruña, o 15 % de Pontevedra, un 4 % de Lugo e o 2 % restante, de Ourense

Redacción 29 de xaneiro de 2007 A meirande parte das empresas Produtoras ou escolas que presentan candidaturas aos Premios Mestre Mateo 06, están emprazadas na provincia da Coruña: un 79 % delas. A de Pontevedra sitúase en segundo lugar, cun 15 %, e a moita distancia en nº de empresas están Lugo co 4 % e Ourense co 2 %, o que se corresponde coa implantación territorial da industria audiovisual galega. Estas cifras despréndense das candidaturas presentadas aos Premios Mestre Mateo 06 que organiza a Academia Galega do Audiovisual, e que trala xuntanza mantida esta fin de semana pola Comisión dos Premios, quedou fixada a listaxe de candidaturas a cada unha das 25 categorías que establecen as Bases que os rexen. Lembrar que este ano, presentáronse un 55% de empresas máis que na convocatoria do ano pasado, e un 26 % máis o número de producións presentadas respecto do mesmo ano.
Queda pois aberto o prazo de votacións para as socias e socios da A.G.A., que terán que elixir en cada categoría 4 traballos ou profesioanis –segundo sexa a definición da categoría- e que serán os Nominados aos Premios. Nunha segunda rolda de votacións, elixirán as académicas e académicos aos gañadores en cada unha delas, proceso todo el que se fai ante Notario. Os resultados finais, os gañadores, coñecerémolos na Gala dos Premios Mestre Mateo 06 que se celebrará na Primavera, e sobre a que xa está a traballar a Xunta Directiva da Academia, da que é presidenta a actriz María Bouzas.
Este ano, por vez primeira na A.G.A., creouse unha Comisión para velar polo cumprimento das Bases por parte de todas as empresas que enviaron as súas candidaturas. Esta Comisión estivo composta por: Montse Besada en representación do sector da Produción; Ana Monteagudo por Dirección; Rivadulla Corcón polos Guionistas, Xosé Luís Bernal (Farruco) por Intérpretes; Ignacio Pardo Pedrosa, por Arte; Ignacio Benedetti por Promoción; Victorino Lourido por Fotografía; Piti Sanz por Música; José Alberto Suárez polo sector de Son, e por Posprodución, Carlos López Ríos, profesionais todas e todos eles membros da Academia Galega do Audiovisual.
Calendario das votacións:
O luns 29, a Directiva da Academia enviará as papeletas da primeira rolda de votacións ás socias e socios deste organismo. O prazo de remate para a recepción de papeltas no Notario é o 16 de febreiro. O día 23 dese mes, farase pública a listaxe de nominadas e nominados, e tres días despois, o 26 de febreiro, enviaranse as papeletas para a segunda e derradeira rolda de votacións, cuxo remate de prazo de recepción de votos no Notario será o 14 de marzo. De aí… á Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 06.
Máis información no web da Academia.
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
|