Publicidade
Contacto
|
*Jonan Fernandez, fundador de Elkarri, director do Museo da Paz de Aránzazu, Premio Portapaz 2006
Redacción 26 de xaneiro de 2007 A Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) decidiu conceder o PREMIO PORTAPAZ 2006 a D. Jonan Fernández, fundador de Elkarri (Organización pacifista do país vasco, hoxe denominada Lokarri) e, na actualidade, director do Centro pola Paz de Aránzazu, unha entidade promovida polos franciscanos e especializada en mediación de conflitos.
O Premio Portapaz concédese anualmente a persoas e/ou entidades que teñan destacado na defensa dos valores cívicos e democráticos, así como na promoción da convivencia e a resolución pacífica dos conflitos. E Jonan Fernández ten, tras de si, unha dilatada experiencia, como portavoz de Elkarri, na defensa destes valores, así como un protagonismo relevante na procura do diálogo político e a procura do final da violencia en Euskadi, mesmo en momentos nos que tal proxecto estaba profundamente criminalizado.
O Acto de entrega será o vindeiro luns, día 29, véspera do Día Escolar pola Paz, ás 19:00 horas, na Fundación Caixa Galiza en Santiago de Compostela (Rúa do Vilar 19). Posteriormente, Jonan Fernández explicará o traballo de tratamento ético de conflitos que desenvolve no Centro pola Paz de Arantzazu e exporá as súas reflexións sobre o proceso cara a paz en Euskadi.
Durante a súa estadía, Jonan Fernández aproveitará para dar a coñecer o seu Ser humano en los conflictos. Reflexión ética tras una vivencia directa en el conflicto vasco (Alianza Editorial) na que virte a súa experiencia de catorce años á fronte de Elkarri para ofrecernos a súa proposta de elaboración ética de conflitos e unha reflexión en torno a temas capitais coma a reconciliación ou as vítimas.
En edicións anteriores foron premiados, entre outros, Federico Mayor Zaragoza, Baltasar Garzón, Gesto por la Paz, José Couso (In memoriam), Fernando Valderrama (embaixador en Iraq), Manuela Mesa (directora do CIP de Madrid), Ovarias, Plataforma do 0,7%, Irimia, Asociación Aida, ou a Asociación Galega de Defensa dos Desaparecidos en Arxentina.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|