Publicidade
Contacto
|
*Anxo Quintana pide que “a eficacia mostrada por Néstor Rego nas súas áreas de goberno se traslade á fronte da alcaldía de Santiago”
O candidato nacionalista afirma que estiveron “máis pendentes do benestar cidadán que da grandiosidade e o lucimento político”
Redacción 25 de xaneiro de 2007 O Portavoz Nacional do BNG, Anxo Quintana, felicitou a Néstor Rego pola “eficacia” mostrada nas áreas de goberno que xestionaron os nacionalistas na cidade compostelá e pediulle aos cidadáns de Santiago que “esa capacidade de xestión se traslade á fronte do goberno local”. O acto de presentación do candidato nacionalista á alcaldía tivo lugar no Hotel Araguaney, e contou coa presenza de numerosos cargos institucionais e orgánicos nacionalistas.
Quintana destacou todos os investimentos que o goberno galego está a facer na cidade, como as catro garderías -“Galescolas”- que se van abrir en Fontiñas, na Cidade Vella, no Ensanche e no polígono do Tambre. E sobre todo resaltou os tres polígonos empresariais que están a promover as consellarías de Vivenda e Industria, con especial mención ao parque Científico-Tecnolóxico de Bando.
A política de vivenda protexida tamén recibiu un impulso desde o departamento que dirixe Teresa Táboas, segundo lembrou o vicepresidente da Xunta.
Por último, Quintana louvou a Néstor Rego: “un gran coñecedor de Santiago e unha persoa que entende a política como un servizo aos cidadáns” e comprometeu todo o apoio do goberno galego “e o meu persoal” para o concello de Santiago.
Discurso de Néstor Rego
O candidato do BNG á alcaldía da capital galega quixo “render contas do traballo feito nestes anos” e felicitou aos seus compañeiros de corporación e de partido e a Socorro García, quen foi responsábel da organización nacionalista en Santiago até hai poucos días, e a encargada de presentar o acto.
Rego destaco que os nacionalistas tiveron unha acción de goberno “menos pendente da grandiosidade ou do lucimento político e máis da súa eficacia para xerar maiores niveis de igualdade e de benestar social, é dicir, priorizamos a política social”. Fixo especial mención ás políticas de promoción económica, ás garderías ou á política de vivenda protexida.
O actual tenente alcalde tamén quixo avanzar os eixes do seu programa de goberno: creación de postos de traballo, política social de vivenda, mellora dos servizos públicos e aumento da calidade medioambiental. Ademais, defendeu o novo proxecto para a cidade da Cultura que vén de presentar a conselleira Ánxela Bugallo, por estar “moito máis vinculado ás necesidades do sistema cultural galego, máis ligado á dinámica da cidade e posto ao servizo do noso desenvolvemento cultural”.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|