Publicidade
Contacto
|
*'Tire Dié' e '...A Valparaiso', documental latinoamericano dos 60 no Cineclube
Redacción 24 de xaneiro de 2007 Esta semana, o Cineclube de Compostela programa unha sesión duplae, coa proxección -o mércores 24 ás 22:00 horas no local social O Pichel (Santa Clara, 21) - de dous documentais realizados en Latinoamérica a comezos dos anos 60': Tire Dié, de Fernando Birri e ...A Valparaiso , de Joris Ivens.
En primeiro lugar proxectaremos Tire Dié, a primeira enquisa filmada realizada na Arxentina. Documental de media hora, realizado por Fernando Birri coa colaboración dos seus alumnos/as do Instituto de Cinematografía da Universidade Nacional do Litoral. O filme, gravado entre 1956 e 1958 e estreado en 1960, virou axiña referente obrigado do documental latinoamericano pois constitue o primeiro filme do continente no que se lle daba voz e imaxe ao pobo, gravando as míseras condicións de vida dos arrabaldes da cidade arxentina de Santa Fé.
En segundo lugar pasaremos ...A Valparaíso, mediametraxe realizada en Chile, polo documentalista holandés Joris Ivens. O filme, dedicado á cidade de Valparaíso, coñecida daquela dende occidente como prestixioso destino turístico, trascende axiña a postal para adentrarse nas condicións de vida dos habitantes reais de Valparaíso. ...A Valparaíso conta ademais cun segundo autor ou colaborador, de grande importancia do historia do cinema documental. Trátase do francés Chris Marker, autor do texto que se escoita en off que constitúe unha parte fundamental do filme. Asemade, gran parte das imaxes foron gravadas por Patricio Guzmán, -daquela mozo operador de cámara - que dez anos despois realizará A batalla de Chile. Verbo deste filme dixo Claude Brunel:
"Maxestoso poema audiovisual sobre o porto de Valparaíso, a cidade con corenta e dous outeiros e un prestixioso pasado, mais tamén unha ollada á realidade social do momento, verbo da riqueza e a pobreza, a través do leitmotiv dos elevadores.... Este filme, cuxa cantiga percorreu o mundo enteiro, constitúe un dos cumios da obra artística de Joris Ivens"
A proxeccións realizaranse na súa versión orixinal, e a entrada será de balde, puidendo os asistentes adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube.
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
|