Publicidade
Contacto
|
*O Colexio de Xornalistas renova o seu portal en internet
Os colexiados terán acceso a unha intranet con contidos exclusivos
Redacción 24 de xaneiro de 2007 O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza (CPXG) estrea hoxe, 24 de xaneiro e coincidindo co patrón dos xornalistas, o seu novo portal en internet co obxectivo de mellorar a comunicación tanto cos seus colexiados como coa cidadanía.
O web consta dunha parte pública na que se publicarán noticias de interese relacionadas coa profesión e cos medios de comunicación, xunto cun espazo dedicado a dosieres onde se tratan de maneira ampla e especificada temas de relevancia para os xornalistas. Igualmente o portal incorpora un sistema de participación como son os foros e as enquisas. Como especial novidade cabe salientar a posta en marcha dunha intranet exclusiva para os colexiados para que, unha vez rexistrado o usuario, poida acceder ás comisións de traballo, grupos de discusión sectoriais ou xeográficos, colgar o seu curriculum vitae para posibles ofertas de traballo, enviar e recibir mensaxes privadas, consultar ofertas dos distintos servizos que ofrece o Colexio ou relatar os casos na asesoría on-line.
O novo portal dedica ademais un site específico ao premio José Couso de Liberdade de Prensa, que acaba de ser convocado na súa terceira edición. Esta páxina dispón de información sobre o camarógrafo galego, ademais das bases do certame, artigos de opinión e novas relacionados co seu caso. Neste apartado poderase presentar as candidaturas e realizar as votación cun sistema fiábel que implica a autentificación dos usuarios.
Os usuarios que se rexistren recibirán o boletín semanal do CPXG, F5 Boletín da Comunicación de Galiza, que se envía os venres e que tamén renova o seu formato e ofrece aos colexiados a posibilidade de incluír novas exclusivas da intranet.
O portal renóvase así despois de levar seis anos presente en internet. Completa a súa información coa páxina do Observatorio Galego dos Medios (OM) que recentemente foi aberta e que se pode ver en www.observatoriodosmedios.org.
A web do CPXG pódese consultar nos enderezos: www.xornalistas.com, www.xornalistas.org e www.xornalistas.net.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|