ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Portavoces da comunidade educativa de Vigo móstranse favorábeis á potenciación do galego no ensino
A presidenta de FOANPAS e a representante dos directores aplauden a iniciativa de que os nenos e as nenas poidan aprender a ler e escribir “a través do galego”

Chuza! esta nova!
Redacción 24 de xaneiro de 2007 Na pasada noite do luns celebrouse en directo en Televigo unha mesa redonda centrada na situación do galego no ensino na que participaron Bertila Fernández, presidenta da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as de Vigo e Comarca (FOANPAS); Juan Prieto, da Federación de Asociacións de Pais e Nais de centros do sur de Galiza (SURGAPAS); Palmira Fernández, representante dos directores e directoras dos centros de ensino da comarca,e Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Bertila Fernández defendeu que “non pasa nada porque os nenos e as nenas aprendan a ler e escribir a través do galego” e mostrouse favorábel aos contidos que se foron adiantando do novo decreto de galeguización do ensino que prepara a Consellaría de Educación. A presidenta de FOANPAS considera que temos que defender a nosa lingua e que a ninguén prexudica, moito menos aos nenos e nenas, que se poida aprender a través do galego.

Pola súa banda, a representante dos directores e das directoras, Palmira Fernández, subliñou que “non se debe caer no alarmismo” e, fronte á demagoxia, lembrou que “adquirir a lecto-escritura a través do galego non é facelo nun alfabeto diferente”, senón que se trata dunha medida para garantir a capacitación no idioma de Galiza que para nada prexudica o castelán. Lembrou, como directora e como profesora, que existe nestes momentos unha alta porcentaxe de alumnado que non ten as destrezas comunicativas en galego e que cómpre darlle solucións a ese problema.

O portavoz de SURGAPA, Juan Prieto, concordou tamén coa necesidade de potenciar o galego, mais na súa opinión esta norma podería ser unha “imposición”. O Presidente da Mesa, Carlos Callón, replicoulle que “non se pode considerar imposición unha medida acordada por unanimidade nos foros de representación democrática, como o Congreso dos Deputados e o Parlamento galego, pois do contrario habería que adxectivar de imposición todas as leis e acordos, porque, por minoritario que for, sempre haberá alguén que discorde con algo.”

Callón sinalou a necesidade de “dar un debate limpo e sen demagoxias sobre algo tan importante como é a educación” e advertiu de que “falar de imposición do galego é pura demagoxia que pretende perpetuar a exclusión do galego”. Ademais, o Presidente da Mesa lembrou que “os sindicatos favorábeis á galeguización do ensino teñen o 85% dos representantes sindicais do profesorado non universitario”, mostrando máis unha vez a existencia dunha maioría social e da comunidade educativa que aposta pola galeguización do ensino.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com