ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Lage logra o visto e prace da Xunta á construción dunha terceira piscina climatizada en Lugo
• Os nacionalistas presentarán unha moción no vindeiro pleno para lograr o apoio unánime da corporación a esta iniciativa

Chuza! esta nova!
Redacción 22 de xaneiro de 2007 O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Xosé Anxo Lage, anunciou o pasado venres que nunha xuntanza celebrada en Santiago co director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, logrou o seu compromiso para que en Lugo se constrúa unha nova piscina climatizada, que se ubicaría na Abella e que sería a terceira da que disporía a cidade, engadíndose ás xa existentes en Frigsa e nas Pedreiras.

O voceiro nacionalista explicou que esta proposta foi presentada ao mundo do deporte de Lugo nunha xuntanza celebrada no Anxo Carro e que foi moi ben acollida, polo que o seguinte paso do BNG será lograr o apoio unánime da corporación a esta iniciativa. Para iso, o Bloque presentará unha moción no vindeiro pleno que Lage agarda que sexa apoiada polo PP e o PSOE.

“Somos conscientes das necesidades que en materia de infraestruturas deportivas ten Lugo e fixemos xestións diante do director xeral de Deportes para que Lugo, que é a cidade de Galiza onde máis deporte se practica, conte cunhas infraestruturas acordes a esta práctica”, explicou Lage. A xuizo do BNG, “unha das necesidades máis urxentes que hai na cidade é a construcción dunha nova piscina”, posto que as existentes están “absolutamente saturadas”, con niveis de ocupación que no caso da de Frigsa chega aos 800 usuarios ao día.

Lage propón que esta nova piscina se ubique na zona da Abella, nunha parcela de 5.955 metros cadrados de uso deportivo que quedaría para o Concello froito do desenvolvemento urbanístico previsto na zona. Segundo explicou Xosé Anxo Lage, o director xeral de Deportes está disposto a que a redacción do proxecto se faga este mesmo ano e a que a obra se inclúa no Plan Cuatrienal de Infraestruturas Deportivas da Consellaría. O custo do proxecto estaría próximo aos 100.000 euros e o orzamento total rondaría os 2 millóns de euros.

Con estas xestións xa realizadas e co apoio do mundo do deporte da cidade, o BNG presentará unha moción no próximo pleno do Concello para lograr o apoio unánime da corporación a esta iniciativa.

A Casa do Deporte

Xosé Anxo Lage explicou tamén que na xuntanza do venres co mundo do deporte lugués propuxo a construcción da Casa do Deporte, unha infraestrutura que estaría instalada no estadio Anxo Carro e que serviría de espazo de relación entre os distintos clubes, federacións e deportistas da cidade. No transcurso deste encontro con persoas do mundo do deporte celebrado na sala de prensa do Anxo Carro e acompañado polo xefe provincial de Deportes da Xunta de Galiza, Eduardo Fernández Abel, o candidato nacionalista explicou que estas instalacións xa existen noutras cidades, como en Santiago, onde está tamén instalada no estadio de San Lázaro. A existencia desta Casa do Deporte permitiría ter un local a todas aquelas federacións e clubes que non dispoñen dunha sede propia.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade: