Publicidade
Contacto
|
*O BNG de Lugo pedirá mañá na Comisión de Planeamento un calendario para a aprobación do Plan Xeral antes das eleccións
• Había un ano, dende xaneiro de 2006, que non se reunía a Comisión do PXOM. O BNG anuncia que irá
con “ánimo construtivo” á reunión para tentar desbloquear o Plan Xeral, que leva 8 meses parado
Redacción 16 de xaneiro de 2007 O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Xosé Anxo Lage, avanzou hoxe en rolda de prensa que o BNG irá mañá á Comisión de Planeamento co ánimo de “desbloquear” o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que leva parado dende o mes de maio de 2006. “O Bloque irá con espíritu colaborador e ánimo construtivo e pedirá que se fixe xa a data da próxima reunión, porque non hai tempo que perder, e que se estabeleza un calendario para a aprobación do PXOM antes das eleccións. Esta cidade non pode esperar máis tempo por el e este é o momento de pasar das palabras ocas do señor Orozco e do señor Besteiro aos feitos”, afirmou o voceiro nacionalista.
A reunión, convocada para ás 10:30 horas, é froito dunha moción do BNG presentada en decembro. Había un ano, dende xaneiro de 2006, que non se reunía a comisión do PXOM, pese ás reiteradas solicitudes feitas polos partidos da oposición. O BNG preparou para mañá unha serie de preguntas que espera que responda o Goberno local para “saír de dúbidas” sobre o Plan Xeral e “saber dunha vez se vai ser aprobado antes das eleccións ou non”.
O Goberno deberá responder se vai dar tempo a facer todos os trámites nos catro meses que faltan até maio e deberá aclarar tamén se o informe de sostibilidade ambiental para respostar á Consellaría de Medio Ambiente vai ser elaborado pola equipa redactora, por técnicos municipais ou se se vai encargar a outra empresa.
O BNG preguntará ademais en que situación se atopan as 6.500 alegacións presentadas por veciños, asociacións e institucións. Se foron analizadas, se se comezaron a responder e cantas van ser aceptadas. Tamén preguntará o Bloque que garantías hai de que o equipa redactora vai responder ás alegacións antes de maio, trámite indispensábel para ir á aprobación provisional antes das eleccións. No contrato asinado entre o Concello e a empresa outórgaselle de prazo á equipa redactora, a empresa de Madrid EPYPSA, até agosto de 2007.
A ubicación da nova ponte
Xosé Anxo Lage indicou tamén que pedirá ao Goberno local que aclare cal vai ser a ubicación exacta da nova ponte sobre o Miño, “porque parece que efectivamente xa teñen tomada a decisión final”, e que este emprazamento sexa recollido no documento e nos planos do Plan Xeral con carácter definitivo.
Finalmente, o voceiro nacionalista, Xosé Anxo Lage, esixirá que quede fixada data para a seguinte reunión da comisión do PXOM e que se estabeleza un calendario para a súa aprobación. "É o momento de pasar das palabras aos feitos no tema do Plan Xeral", dixo.
O PXOM de Lugo foi aprobado inicialmente en pleno o 26 de xaneiro de 2006 e dende entón está pendente de respostar ás 6.500 alegacións presentadas por colectivos, asociacións, institucións e particulares. Ademais, a Consellaría de Medio Ambiente emitiu hai 15 días un informe ambiental sobre o Plan Xeral de Lugo no que esixe que se fagan modificacións para que o desenvolvimento previsto sexa sostébel. Para lograr a aprobación provisional do PXOM antes das eleccións, son precisos os dous trámites: a resposta ás alegacións e a resposta a ese informe da Xunta, do que tamén están pendentes os PXOM’s de Vigo e Santiago, e que é vinculante.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|