Publicidade
Contacto
|
*Henrique Tello promete actuar sobre os problemas máis graves da Coruña: vivenda, solo industrial e transporte
• O candidato nacionalista á alcaldía cualifica o goberno actual de “vazquismo sen Vázquez” e expresa a súa preocupación pola marcha de “6.000 persoas menores de 30 cada catro anos”
Redacción 15 de xaneiro de 2007 O candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Henrique Tello, vén de anunciar as primeiras medidas de goberno que tomará no caso de ser elexido polos cidadáns: actuar sobre o problema da vivenda e acelerar a constitución da Área Metropolitana, para poder resolver os problemas de tráfico -impulso ao transporte público metropolitano- e a falta de solo industrial.
A marcha de mozos da cidade é unha das grandes preocupacións do candidato do BNG: “os datos falan de entre 6.000 persoas menores de trinta anos que deixan a cidade”, afirma Tello. “Penso que a xente non marcha dun lugar onde se sinte a gusto; saen pola necesidade de atopar emprego e vivenda”, segundo o político nacionalista.
Vivenda
O candidato do BNG defende a rehabilitación, por ser unha medida clave para conservae o patrimonio e proporcionar novas vivendas. “Na Coruña hai 20.000 vivendas baleiras, pero a xente segue a marchar da cidade debido ao seu elevado prezo. Xa que logo, o concello debería actuar sobre o mercado da vivenda, rehabilitando os inmóbeis para poñelos logo no mercado de aluguer, a un prezo en torno aos 250 euros. Isto faríase de acordo coa Consellaría de Vivenda e cos propietarios, seguindo o modelo aplicado en Gasteiz-Vitoria”, afirmou.
Respecto da política de vivenda, Tello criticou a ausencia de fondos para rehabilitar o casco vello da cidade herculina: “A Coruña é a única cidade de Galiza que, até hai dous anos, nunca tivo un convenio coa Xunta para rehabilitar o seu casco vello, mentres que no resto das urbes se investiron unha gran cantidade de fondos públicos. A política de abandono aplicada polo Goberno local provocou o deterioro dos edificios, que agora ameazan ruína, favorecendo a especulación”. Ademais, o actual portavoz municipal do BNG valorou positivamente o esforzo investidor da consellaría de Vivenda; tanto no apoio á rehabilitación da Cidade Vella como na construción de novas vivendas de promoción pública no campus universitario e nos terreos do Parque Ofimático.
Vazquismo sen Vázquez
Tello promoteu un cambio radical “nas formas de facer política” se sae escollido alcalde nos próximos comicios. Cualificou o goberno de Javier Losada de “interino”, e de “continuísta”, xa que practica, na súa opinión, un “vazquismo sen Vázquez”. Foi especialmente crítico coa gran cantidade de cartos que se van perder no proxecto de “ascensor panorámico” do monte San Pedro, mentres moitos barrios da cidade están en mal estado e contan con servizos deficientes.
Tello fixo estas declaracións nunha entrevista da web do BNG (www.bng-galiza.org), onde se pode consultar o texto completo.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|