Publicidade
Contacto
|
*Jorquera insta ao PP e ao PSdeG a que actúen para que “nengún dos seus alcaldes practique a insubmisión urbanística fronte a Xunta de Galiza”
• “Non é de recibo que esta insubmisión atope o menor amparo nas direccións galegas dos partidos”, afirma o coordinador executivo
Redacción 12 de xaneiro de 2007 O coordinador executivo do BNG, Franciso Jorquera, insta ao PP e ao PSdeG a que actúen con decisión para que “nengún dos seus alcaldes practique a insubmisión urbanística fronte as resolucións emitidas pola Consellaría de Política Territorial”.
Jorquera pronunciase nestes termos, a través deste comunicado de imprensa, logo de que a Dirección Xeral de Urbanismo conminase os alcaldes de Foz e Barreiros –do PSdeG e do PP, respectivamente- a anular licenzas urbanísticas concedidas de xeito indebido, sen que este requirimento fose até o de agora atendido.
“Ninguén pode practicar a insubmisión fronte a legalidade nesta materia e desde logo non é de recibo que esta insubmisión atope o menor amparo nas direccións galegas dos partidos”, manifesta Jorquera, quen empraza aos gobernos municipais de Foz e Barreiros a que acaten as resolucións da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galiza e proceda a anular as licenzas concedidas indebidamente.
No que atinxe a Foz, Jorquera considera “escandaloso” que en apenas “hora e media” a Xunta de Goberno do Concello dese a súa aprobación a 40 proxectos urbanísticos e a un total de 1350 licenzas. “Trátase dunha cifra que supera o número de licenzas que, poñamos por caso, dá o Concello de Ferrol ao longo de todo un ano”.
“Esta política urbanística está nas antípodas do urbanismo sustentábel e respeitoso co Meio Ambiente que se defende desde o Goberno galego. Lamentamos que se practique desde concellos gobernados indistintamente por PP e PSdeG e, desde logo, agardamos que sexa inequivocamente desautorizada polas respectivas direccións galegas destes partidos”, conclúe Jorquera.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|