ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O BNG de Lugo propón ampliar a axuda no fogar destinada ás persoas maiores con novos servizos como catering, lavandería ou perrucaría a domicilio
· O candidato nacionalista á alcaldía reuniuse hoxe con xubilados, aos que lles propuxo a creación do Consello de Maiores

Chuza! esta nova!
Redacción 08 de xaneiro de 2007 Lugo ten preto de 20.000 habitantes de máis de 65 anos e o número de persoas dependentes está a incrementarse de xeito notábel. O BNG considera necesario aumentar o número de prazas no centro de día municipal Antonio Gandoy. O candidato do BNG á alcaldía, Xosé Anxo Lage, considerou hoxe “insuficiente” o tempo adicado ás persoas maiores que reciben axuda a domicilio. O candidato nacionalista, que hoxe mantivo un encontro con colectivos de xubilados da cidade, explicou que na actualidade hai 360 persoas apuntadas a este servizo e indicou que o tempo adicado a cada unha é de tan só 50 minutos.

Lage considerou necesario “potenciar e ampliar” o servizo de axuda no fogar por permitir ás persoas maiores seguir nas súas casas coas mesmas condicións que nunha residencia. Así, o BNG de Lugo propón aumentar o tempo de visita, así como complementar a atención que se presta aos maiores no fogar con servizos con catering, lavandería, perrucaría ou podoloxía a domicilio.

O candidato nacionalista propúxolles tamén a asociacións de maiores a creación dun Consello de Maiores que tería competencias en canto a órgano asesor do Concello en todas aquelas decisións que teñan que ver coas persoas maiores. En Lugo, preto de 20.000 persoas teñen máis de 65 anos, unha poboación xubilada que supera o 20% da poboación do concello, e o número de persoas dependentes está a incrementarse de xeito notábel, polo que se fai preciso, a xuizo dos nacionalistas, unha maior atención neste eido. Por iso, o BNG considera necesario aumentar o número de prazas no centro de día municipal Antonio Gandoy, algo que Xosé Anxo Lage se comprometeu a facer nos seis primeiros meses de Goberno dentro dun paquete de medidas urxentes.

Xosé Anxo Lage explicou tamén aos familiares de enfermos de alzheimer que Vicepresidencia tén xa avanzado o proceso para a posta en marcha dun centro de día para enfermos desta doenza, que se ubicará en Lamas de Prado e que terá capacidade para 40 persoas. A atención aos enfermos de alzheimer é unha das graves carencias que ten a cidade de Lugo no tocante ás persoas maiores dependentes.

A situación agrávase na zona rural

A falta de dotacións e a dispersión fai que a situación dos maiores na zona rural sexa aínda peor. A xuizo do BNG, na zona rural precísase converter as vellas escolas rurais en centros socio-culturais onde ofertar un programa específico de ocio para maiores nas distintas parroquias. É tamén prioritario extender o transporte público á zona rural do concello para que as persoas maiores que alí viven, e que moitas veces viven soas e non teñen posibilidades de desprazamento, non estean condenadas a quedar nas súas casas, afirmou o candidato do BNG. Lage propón un servizo de microbuses que percorrería as distintas parroquias varias veces no día e que posibilitaría aos maiores acudir aos centros sociais da cidade e rachar co seu illamento.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade: