Publicidade
Contacto
|
*O candidato do BNG en Lugo, Xosé Anxo Lage, propón a creación de vivenda municipal para mozos en réxime de aluguer
• Os aproveitamentos urbanísticos que corresponden ao Concello nos edificios de nova construcción,
que se corresonde ao 10% dos pisos que se constrúen na cidade, destinaríanse a esta finalidade
• O candidato nacionalista, Xosé Anxo Lage, e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, anuncian a posta
en marcha dun Centro de Novos Creadores no ‘Eijo Garay’, que pasará a chamarse centro ‘Lug’

Redacción 06 de xaneiro de 2007 O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Xosé Anxo Lage, propón a construcción de vivendas municipais en réxime de aluguer para mozos como fórmula para facilitar á xente nova o acceso en condicións dignas e a prezo asequible a unha vivenda. No transcurso dun encontro con mozos, acompañado polo director xeral de Xuventude da Xunta de Galiza, Rubén Cela, o candidato nacionalista aludiu aos prezos da vivenda como un dos problemas máis importantes que teñen as mozas e os mozos á hora de independizarse. Para solucionar este problema, Lage propuxo que o Concello xestione un parque de vivendas en réxime de aluguer a prezos asequíbeis.
Estas vivendas serían propiedade do Concello, que as obtería dos aproveitamentos urbanísticos aos que ten dereito en todo edificio de nova construcción, nos que ao Concello corresponde o 10% dos pisos. A práctica habitual neste momento é que o Concello venda estes aproveitamentos. De feito, no ano 2006 o Concello obtivo máis de 3 millóns e medio de euros de ingresos pola venda destes pisos. Lage propón que esas vivendas que corresponden ao Concello non se vendan e pasen a unha Bolsa Municipal de Vivendas. O Concello alugaríaas a mozos por un periodo máximo de cinco anos. A xestión dependería da Empresa Municipal de Solo (Evislusa).
Esta medida, que é novidosa en Galiza pero que xa funciona noutros países europeos que practican unha política social de vivenda, facilitaría aos mozos o acceso a unha vivenda e permitiríalles independizarse. “Non podemos deixar exclusivamente en mans privadas o mercado da vivenda porque nese escenario as mozas e mozos non poden competir e quedan fóra dun dereito constitucional como é o dereito a unha vivenda”, afirmou o candidato do BNG.
Entre as propostas para a mocidade que o BNG incluirá no seu Programa de Goberno está tamén a posta en marcha dun Plano de Emprego Xuvenil, por ser este outro dos problemas da xente nova, o potenciamento da Oficina Municipal de Información Xuvenil, reformular o programa de ocio alternativo Elixe a Túa Noite e a creación do Consello Municipal da Mocidade como órgano consultivo do Goberno local en materia de xuventude.
Ademais, Lage aposta por utilizar as novas tecnoloxías para chegar ás mozas e mozos e crear vínculos entre eles fomentando o asociacionismo xuvenil. Neste sentido, o BNG propón a creación de cibers municipais nos centros sociais, onde os mozos poidan acceder gratuitamente a Internet, e a creación dun Portal Municipal para Mozos con información de utilidade para a xente nova, onde poder descargar arquivos ou consultar unha axenda coas distintas actividades. Estes cibers municipais estarían enfocados á formación en novas tecnoloxías e á difusión do software libre.
A Xunta investirá máis dun millón de euros no ‘Eijo Garay’ para convertelo nun gran centro para a mocidade
O director xeral de Xuventude da Xunta de Galiza, Ruben Cela, avanzou que os centros Eijo Garay e Irmáns Pedrosa pasarán a chamarse Centro Lug e converteránse nun gran complexo para a mocidade de Lugo, con albergue xuvenil, locais de ensaio, salas de informática, unha escola de música tradicional e salas para teatro. A intención é que o complexo funcione como un Centro de Novos Creadores. As obras suporán un investimento de máis dun millón de euros.
Rubén Cela insistiu en que “o Eijo Garay e o Irmáns Pedrosa son dous edificios céntricos que ata agora estaban infrautilizados” e avanzou que as obras previstas, de moita envergadura, serán acometidas en distintas fases. No prazo dun mes comezará o centro Quérote, de información afectivo-sexual, que será o primeiro que se pón en marcha na provincia de Lugo e o segundo de Galiza despois do de Santiago.
O edificio Irmáns Pedrosa seguirá funcionando como residencia, aumentándose as prazas a 80. O outro edificio, o Eijo Garay, será reconvertido en albergue xuvenil con capacidade para 40 prazas, unha instalación da que hoxe en día carecía a cidade de Lugo. En colaboración coa Consellería de Industria, será acometida a reforma do segundo andar do inmoble, onde se instalarán as salas de informática e multimedia. No soto irán os locais de ensaio, que pasarán a formar parte da Rede Galega de Locais de Ensaio xunto con outros de semellantes características que a Vicepresidencia está abrindo noutras cidades de Galiza.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|