ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Arquivo
Ligazóns

*CFV e Ineo colaboran para promover encontros entre empresas do sector TIC
• ''Encuentra TIC'' ten como obxectivo fomentar o coñecemento e propiciar a cooperación interempresarial

Chuza! esta nova!
Redacción 03 de xaneiro de 2007 O Foro da Sociedade da Información do CFV e a agrupación empresarial Ineo están a promover a creación dunha plataforma para facilitar os encontros entre as empresas do sector de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O obxectivo inicial é fomentar o coñecemento e os contactos profesionais entre os distintos axentes dedicados ao desenvolvemento de produtos e servizos innovadores no ámbito da sociedade da información; estes encontros poden propiciar a colaboración interempresarial e coa universidade, de maneira que a cooperación poida derivar nunha maior dimensión dos proxectos das empresas.

Os encontros desenvólvense baixo o nome ''Encuentra TIC'' e enmárcanse no programa “Aula de Innovación”; o primeiro tivo lugar hai uns días e contou co respaldo de case corenta empresas da área metropolitana de Vigo.

A alta participación e o interese dos asistentes motivaron que os organizadores desta xornada, entre os que tamén se atopan as empresas Imatia e Bastet Ingeniería, fixaran xa para o 30 de xaneiro o segundo ''Encuentra TIC''.

Aproveitar o grande potencial de Vigo

Con esta iniciativa trátase de aproveitar o enorme potencial do sector TIC vigués, caracterizado na actualidade polo reducido tamaño e o escaso grao de colaboración entre empresas e coa universidade. Esta situación limita a dimensión dos proxectos que as empresas son capaces de afrontar.

Neste sentido, os organizadores de ''Encuentra TIC'' repararon na experiencia doutras rexións americanas e europeas, onde a concentración de empresas TIC propiciou un maior ritmo de desenvolvemento, debido fundamentalmente ás sinerxías de colaboración.

Deste modo, 'Encuentra TIC' propón compartir coñecementos e experiencias para xerar alianzas que fortalezan o tecido asociativo e permitan desenvolver estruturas de colaboración e mellora continua. Para iso, este tipo de encontros estrutúrase en dúas fases: na primeira, un número determinado de empresas dá a coñecer os seus proxectos, e posteriormente teñen lugar sesións de networking, para o estabelecemento de contactos entre os participantes que identifiquen posíbeis oportunidades de negocio conxuntas.

Os destinatarios destes encontros son:
-Empresas dedicadas ao desenvolvemento de produtos e servizos baseados nas TIC.
-Empresas de consultoría informática, coñecedoras das necesidades dos usuarios finais.
-Empresas comerciais con canles de distribución consolidadas no sector das TIC.
-Departamentos TIC de grandes empresas ou administracións públicas.
-Grupos de I+D universitarios dedicados ás TIC.

O sector TIC en Galiza está conformado por unhas 1.500 empresas, que dan emprego a 11.400 persoas. A constitución de Ineo, a principios do pasado ano, supuxo un paso importante de cara á colaboración nun sector no que predominan as microempresas.

En Ineo integráronse inicialmente máis de medio centenar de sinaturas, cun volume de negocio conxunto de 80 millóns de euros e 1.400 traballadores.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade: