Publicidade
Contacto
|
*O Karpin Galiza estréase cunha marcha cicloturista

Redacción 02 de xaneiro de 2007 O equipo do Karpin Galiza, antes de iniciar o seu calendario de competición en Mallorca, quere dar as primeiras pedaladas arroupado polo cicloturismo galego. Para dotar dunha maior oficialidade ao acto, a Fundación Ciclismo Galego, organismo do que depende administrativamente o novo equipo profesional que dirixe Álvaro Pino, organizará unha marcha cicloturista federada o sábado 13 de xaneiro na Costa da Morte, aproveitando a concentración que realizará na zona entre o 9 e o 20 de xaneiro.
A marcha ofrecerá aos participantes dúas opcións: un itinerario A, cun percorrido de 83 Km sobre o traxecto Cee-Muros pola costa e regreso de novo a Cee polo alto da Paxareira; e un itinerario B que subirá directamente ao alto da Paxareira dende O Viso, sen necesidade de chegar a Muros, cunha lonxitude de 56 Km. Ámbolos dous grupos atoparanse no alto do porto e retornarán xuntos a Cee, localidade que acollerá a saída e a chegada da marcha.
Aínda cabería a opción dun terceiro percorrido pola costa, sen subir ao porto, duns dez quilómetros de lonxitude, para os menos rodados nestes temperáns compases da temporada, pois do que se trata é de dar a oportunidade ao maior número de cicloturistas de participar na primeira pedalada oficial do Karpin Galiza, cuxo nacemento constitúe un feito histórico para o ciclismo galego.
A marcha cicloturista está aberta a todos e todas os e as cicloturistas e ciclistas galegos, maiores de 16 años. Ao tratarse dun evento federado, esixirase o uso do casco protector e estar en posesión de licenza oficial ou ben da licenza dun día, que se encargará de tramitar a propia organización, no caso de que non se teña aínda a anual.
Ao remate da marcha, os cicloturistas que o desexen, poderán participar nunha comida co equipo. Tanto para asistir á marcha como para participar na comida (prazas limitadas) é necesario inscribirse previamente. As cotas son: 5,00 euros (participación na marcha), 15,00 (marcha e comida para os que teñan licenza) e 22,00 euros (marcha, comida e licenza dun día).
Percorrido, programa e rutómetro (pdf)
Boletín de inscrición (pdf)
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|