Redacción 30 de setembro de 2007 O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, avanzou esta mañá que as socias e socios das cooperativas vitivinícolas galegas poderán acollerse este ano, por vez primeira, ao pagamento adiantado da uva de castes, logo de que este departamento chegara a un acordo co IGAPE con este fin. A medida xa fora posta en marcha na pasada campaña para aqueles viticultores individuais que subscribiran contratos homologados coas adegas para a comercialización da súa produción. Finalmente, foron ao redor dun millar de produtores de todas as denominacións de orixe de Galiza os que se acolleron ao cobro por adiantado da súa colleita, para o que se estabeleceu un crédito global de 12 millóns de euros.
A medida anunciada esta mañá polo conselleiro de Medio Rural supón a inclusión das socias e socios cooperativistas nesta liña de finanzamento específica, creada a partir do convenio asinado entre o IGAPE e dezaseis entidades bancarias para facilitar o pagamento da uva por adiantado. O crédito estabelecido inicialmente para este ano é de 15 millóns de euros, aínda que a administración agarda que o incremento da demanda faga necesario amplialo até os 18 millóns de euros. Segundo as estimacións de Medio Rural, en todas as denominacións de orixe galegas a ampliación desta medida pode beneficiar a ao redor de 2.450 socios cooperativistas, dos cales 1.000 pertencen ás dúas principais sociedades cooperativas do Ribeiro.
Suárez Canal explicou que “mediante esta actuación, a Consellaría pretende dotar de maior estabilidade ao sector vitivinícola galego, apostando pola continuidade dos contratos homologados e adaptándose á singularidade do sector cooperativo”. Neste sentido, lembrou que a campaña pasada as socias e socios destas entidades non puideran beneficiarse da iniciativa ao non poder subscribir contratos homologados coa adega á que pertencen en calidade de produtores e propietarios á vez. Precisamente, co obxecto de recoñecer os esforzos que as cooperativas vitivinícolas galegas están a realizar polo mantemento e mellora do sector, e das condicións de vida dos seus membros, a Consellaría decidiu negociar co IGAPE a ampliación dos beneficiarios desta medida. O seu titular aproveitou para animar aos cooperativistas a que se acollan a ela, tramitando o cobro da produción a través das entidades que asinaron o convenio, e evitando así ter que agardar os prazos de cobro establecidos tradicionalmente: os meses de decembro e xuño.
Suárez Canal referiuse ademais a outras actuacións postas en marcha polo seu departamento nestes dous anos de lexislatura co obxectivo de fortalecer a actividade vitivinícola no noso país. Entre outras accións citou o Decreto que regula a renovación dos Consellos Reguladores, a creación do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL) como un organismo público certificador e de asesoramento do sector, a posta en marcha da Mesa do Viño de Galiza e das mesas por denominación, o impulso de contratos homologados para as castes amparadas, a creación de novas liñas de axudas para as adegas e o incremento dos gastos de promoción até multiplicar por dous a cantidade que se viña destinando ás campañas de publicidade e difusión das D.O.s galegas.
Así mesmo, lembrou o compromiso realizado durante a Feira do Viño do Ribeiro de presentar, antes de que remate o ano, un Programa de actuación Integral de aposta polo futuro e a calidade para esta D.O, mediante o cal se pretende, por un lado, outorgar garantías contractuais e de fixación de prezos mínimos para as uvas de castes, pero tamén poñer en marcha un ambicioso plan de reconversión na comarca, acompañado doutras medidas de carácter estrutural.
Por último, Suárez Canal referiuse á actual vendima e cifrou a colleita final, entre todas as denominacións de orixe, ao redor dos 45 millóns de quilos de uva de calidade, o que supón un 15% menos que nunha campana normal. O conselleiro, no entanto, non se amosou preocupado pola merma da cantidade, e sinalou que “o principal é que se manteñan os bos resultados de calidade aos que se están a referir tanto os Consellos Reguladores, como as adegas e os produtores”