ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Cultura organiza xunto coa USC o curso de verán `Visións de Galiza no Centenario de Pascual Veiga’

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 11 de setembro de 2007 O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presenta mañá na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela o curso de verán `Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)’, que terá lugar até o 14 de setembro.

No acto de inauguración ás 9:30 horas, Bará, estará acompañado polo Vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Elias Torres; a Decana da Facultade de Xeografía e Historia, Mar Llinares; o Director do Departamendo de Arte, Juan Monterroso; e o director do curso, Carlos Villanueva. Ao remate das intervencións tócalle a quenda a Manuel Ferreiro da USC quen se encargará de ofrecer a conferencia inaugural que versará sobre `Eduardo Pondal e a problemática textual do himno galego’.

A Consellaría de Cultura e Deporte colabora no financiamento destas xornadas que contarán mañá cos relatorios de María Rosa Fernández, musicóloga e asesora da Consellaría de Educación, que se centrará na figura de Pascual Veiga como autor do himno galego. Xa pola tarde desenvolverase unha mesa redonda, moderada por Helena Villar Janeiro, na que se de debaterá arredor dos símbolos e a recepción do himno galego. E para pechar o día, a Igrexa da Universidade acollerá o concerto `A canción galega’ coa soprano Teresa Novoa e o pianista Alejo Amoedo.

Na xornada do 13 de setembro, Xosé M. Núñez Seixas, da USC, impartirá unha conferencia titulada `Alén da morriña: música, identidade e sociabilidade entre os emigrantes galegos da Arxentina, 1880-1940’. De seguido, Luís Costa da Universidade de Vigo, adentrarase nos `Coros galegos: significado do modelo Aires da Terra, de Perfecto Feijoo’. A primeira hora da tarde María Nagore da Universidade Complutense de Madrid relacionará o coralismo co nacionalismo, e de seguido un debate, moderado por Luís Costa, que contará coa intervención de Susana Asensio do CSIC, tratará o `Uso e abuso da tradición na construcción da identidade. Ás 20:30 horas terá lugar o concerto `O piano galego romántico e de vangarda’ interpretado pola pianista Alicia González Permuy na Igrexa da Universidade.

Unha lembranza á creación da Academia Galega en 1906
Na última xornada do 14 de setembro Camilo Fernández `Valdeorras’ da Universitat de Barcelona impartirá a conferencia `O enxebrismo e o tío Marcos da Portela: un arquetipo fundacional e funcional da literatura vernácula e da cultura popular galega’; de seguido, Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega, regresará ao pasado para lembrar a creación da Academia Galega en 1906. Xa pola tarde, Cristina Patiño Eirín da USC centrará a súa intervención en Pardo Bazán e a música. O director do curso Carlos Villanueva pechará o ciclo de conferencias cunha intervención que leva por título `Perfís de Galicia dende a vangarda: Jesús Bal y Gay’. O derradeiro concerto ´Lembranzas corais’ correrá a cargo da coral El Eco da Coruña dirixida por Alejo Sanchís Mompó na Igrexa da Universidade.

O curso de verán `Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)’ contará cun límite de 55 alumnos e cun total de 30 horas lectivas. Este ciclo constitúe un acto máis dos que a Consellaría de Cultura, a USC e a RAG levaron a cabo este ano arredor da figura do músico galego.

Biografía de Veiga
A estrea do Himno tivo lugar en 1907 no Gran Teatro Galego da Habana, seis meses despois de morrer o seu autor musical. A andaina musical de Veiga comezou moi cedo, sendo neno de coro e estreándose como organista na Igrexa de Nosa Señora do Campo na Coruña aos 22 anos. O primeiro premio recíbeo como membro do Orfeón Brigantino. Logo funda o Orfeón Coruñés e compón a súa obra máis coñecida, a "Alborada gallega". Vinte anos máis tarde vai vivir a Madrid onde é director do Orfeón do Centro Gallego e o Orfeón Matritense, ademais de impartir clases no Conservatorio Nacional de Música.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com