Redacción 11 de setembro de 2007 Continúan desenvolvéndose en Melide as V Xornadas Ciencia e Territorio, organizadas polo IES de Melide e pola organización pedagóxica Nova Escola Galega. O tema central desta quinta edición das Xornadas é “A auga: Usos e abusos”. En palabras de Juan José González, do Instituto Español de Oceanografía, as rías galegas estanse convertendo en ríos, por culpa dos recheos, dos dragados e da presión urbanística.
Durante este martes, 11 de setembro, interveu en primeiro lugar o profesor da Universidade da Coruña Manuel Soto, que pronunciou unha conferencia titulada “Depuración e contaminación nos ríos galegos”. Na súa disertación afirmou que se pode considerar que boa parte das canles fluviais galegas presentan algún tipo de contaminación, e que sucede o mesmo con aproximadamente o 50% das augas subterráneas. As causas desta contaminación hai que buscalas nos vertidos urbanos industriais e tamén nos agrícolas e gandeiros. A respecto destes últimos debe terse en conta que non existen estudos profundos sobre os pesticidas e os praguicidas. Na Galiza costeira o 60% das correntes fluviais serían recuperables, pero España leva un atraso considerable a respecto de Europa en canto á posta en marcha de medidas de recuperación, toda vez que o modelo centralizado español é demasiado caro, mentres países como Holanda levan a cabo medidas preventivas con moi bos resultados.
A segunda conferencia do día, co título “A contaminación das rías galegas” foi impartida por Juan José González Fernández. Para este investigador, as rías galegas estanse convertendo aos poucos en ríos. E iso sucede así porque a meirande ameaza que teñen é a presión urbanística, as continuas iniciativas para gañarlle terreo ao mar nos peiraos, e os dragados. O resto dos elementos contaminantes, sobre todo os industriais, están en franca regresión, toda vez que a normativa legal obriga a que as propias empresas dediquen importantes recursos á prevención.
Na sesión de tarde, os preto de 60 asistentes ás Xornadas visitaron as distintas estacións de tratamento de residuos e de depuración do Concello de Monterroso, na comarca da Ulloa. O realmente preocupante desde a óptica destas estacións son os vertidos industriais, ante os cales os sistemas de depuración existentes teñen dificultades para cumprir eficazmente a súa misión.
O segundo día de actividade das V Xornadas Ciencia e Territorio completouse cunha sesión de xogos tradicionais na Praza do Convento de Melide dirixida pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Para a xornada de mañá, mércores, está previsto o estudo práctico e global dun tramo de medio quilómetro do río Martagona, na comarca da Terra de Melide. Este traballo de campo estará dirixido pola coordinadora do “Proxecto Ríos” da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) Virxinia Rodríguez Álvarez.