ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O Comité de Expertos do Consello de Europa velará para que o sistema educativo de Galiza sexa “esencialmente en galego”
• Callón recorda que “a Carta Europea das Linguas, que di que todo o ensino non universitario debe ser con normalidade en galego, foi aprobada por unanimidade baixo o goberno de José María Aznar”

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 11 de setembro de 2007 O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística, mantivo esta mañá un encontro co Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. O Comité de Expertos, que xa en 2005 sinalou nun informe oficial a necesidade de que o sistema educativo de Galiza sexa “esencialmente en galego”, proporá unha serie de medidas para conseguir que este tratado internacional sexa cumprido en Galiza.

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias foi aprobada no Congreso dos Deputados por unanimidade no ano 2001 e sinala no seu articulado que todo o ensino non universitario debe estar garantido en galego, que os xulgados (a petición dunha das partes) deben levar o procedemento en galego, que a Administración debe dar opción a que a documentación estea en galego, ou que as radios e televisións portuguesas se poidan ver na Galiza, entre outras medidas.

O Comité de Expertos, representado pola súa vicepresidenta Vesna Crnic-Grotic (Croacia) e polos delegados Alberto López Basaguren (Euskadi) e Dieter Kolonovits (Austria), mostraron especial interese en coñecer unha perspectiva non institucional para contrastala coas informacións que lle están a achegar as Administracións.

Desde o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, representado por Alba Nogueira (profesora de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela), Xosé Henrique Costas (profesor de Filoloxía na Universidade de Vigo) e Carlos Callón (presidente da Mesa), achegouse información sobre as vulneracións da Carta que continúan existindo en Galiza. No encontro tamén participou Celia Armas, delegada en Galiza de EBLUL - Axencia Europea das Linguas Menos Estendidas.

Para poder ampliar as informacións achegadas na entrevista de hoxe, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos volverá reunirse co Comité de Expertos dentro de dous días, e en próximas semanas achegaralles un relatorio sobre o nivel de aplicación deste tratado internacional en Galiza en cada un dos seus artigos.

Desde o Observatorio sinalouse a responsabilidade do Goberno central, da Xunta de Galiza e dos gobernos autonómicos de Asturias, Estremadura e Castela e León nas vulneracións detectadas. Porén, tamén louvaron as Galescolas promovidas pola Vicepresidencia da Xunta e consideraron no “camiño do cumprimento da Carta Europea” o novo decreto de promoción do galego no ensino aprobado pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

Na reunión, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos tamén trasladou a preocupante situación que padecen os falantes de galego nas comarcas de Eo-Navia (Asturias), O Bierzo e As Portelas (Castela e León) e o Val do Ellas (Estremadura), lugares onde “distan de se cumprir os mínimos elementais sinalados pola Carta”.

“O PP carece de proxecto sobre o ensino das linguas”
O presidente da Mesa, Carlos Callón, subliña que “este tratado internacional, que forma parte do ordenamento xurídico do Estado español tal e como estabelece a Constitución, foi aprobado por unanimidade durante a presidencia de José María Aznar”. Para Callón, “é crispar e procurar a confrontación cidadá primeiro aprobar tratados internacionais como este e despois dicir que chega a apocalipse porque un 50% do ensino poida ser en galego”.

Ademais, o presidente da asociación en defensa do galego, criticou que o PP defendese no Parlamento galego “o modelo vasco de ensino para Galiza”, en lugar de apostar por unha “sociedade cohesionada, onde todo o alumnado finalice a educación tendo boas competencias comunicativas nas dúas linguas oficiais, para o cal é necesario que o galego teña un apoio especial, tal e como sinalaron varias sentenzas do Tribunal Constitucional”. Callón afirmou tamén que “o PP carece de proxecto sobre o ensino das linguas” e afirma que “segundo o día que se pregunte, responden que defenden unha cousa ou outra”.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com