ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Suárez Canal anuncia a creación da Sociedade Xestora do Banco de Terras e o decreto de cinco Zonas de Especial Interese Agrario nas que se actuará prioritariamente ao longo deste exercicio
• Por decreto da Xunta de Galiza está prevista a delimitación de novas Zonas de Especial Interese Agrario (ZEIA) de xeito progresivo co obxectivo de que nun prazo de cinco anos toda a superficie agraria útil do País estea incluída nesta catalogación.
• No último trimestre do 2007, está prevista a declaracións de ZEIA dos concellos que constitúen as comarcas de Ordes, Terra Cha, A Limia, O Deza e Baixo Miño, que comprenden un total de 38 concellos, cunha Superficie Agraria de 220.000 hectáreas, prevéndose actuar sobre unhas 30.000 hectáreas que se atopan en situación de abandono ou semiabandono.


Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 11 de setembro de 2007 O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, presentou esta mañá en comparecencia no Parlamento Galego a creación da Sociedade BANTEGAL, unha entidade sen ánimo de lucro que actuará como instrumento de xestión e asesoramento no funcionamento do Banco de Terras de Galiza.

Segundo espuxo o conselleiro a posta en marcha do operativo administrativo prevista para o mes de novembro deste ano posibilitará que todos os propietarios de terras agrícolas poderán inscribir as súas fincas no Banco de Terras, ao tempo que os titulares de explotacións agrarias con interese en incrementar a súa base territorial poderán facer uso da citada sociedade xestora para esta función. Avanzou que se traballa coa hipótese de que antes de fin de ano, 10.000 hectáreas estean xa inscritas no Banco de Terras a disposición dos agricultores.

Con independencia das Zonas de Especial Interese Agrario nas que a actividade do BANTEGAL terá un carácter máis intenso, así como as propias labores formativas, informativas e de promoción, o BANTEGAL como servizo público, actuará desde o primeiro momento en todo o territorio galego. Por outra banda, A Xunta de Galiza establecerá anualmente uns prezos tipo de referencia, que poderán ser modificados por mutuo acordo entre propietario e agricultor. Estes prezos serán fixados a nivel parroquial en función das distintas orientacións produtivas pola Comisión Técnica de Prezos e Valores. Nesta comisión estarán representados os agricultores a través das organizacións sindicais agrarias, AGACA, FEGAMP, Catastro e distintos departamentos da Xunta de Galiza. Preténdese a obtención dos diferentes prezos de aluguer de referencia en función do mercado actual de aluguer de terras en Galiza, das diferentes orientacións produtivas, do diferente rendemento económico dos cultivos e do distinto aprecio que a poboación mostra pola terra debido o estado das infraestruturas, das comunicacións, dos servizos públicos, a proximidade a núcleos de poboación, etc.

Zonas de Especial Interese Agrario
Estas zonas de actuación serán establecidas por Decreto de xeito gradual e paulatino, con especial incidencia en aquelas zonas que foran obxecto de concentración parcelaria realizada con fondos públicos.

A propia Lei de Conservación da Superficie Agraria Útil e Banco de Terras de Galiza establece como Zonas de Especial Interese Agrario todas as zonas de Concentración Parcelaria con Acordo Firme con data posterior ao 30 de decembro de 1992. A data de hoxe, as zonas de especial interese agrario por ter acordo firme de concentración despois desta data son preto de 200 que supoñen unha superficie próxima ás 120.000 hectáreas.

Por decreto da Xunta de Galiza, está prevista a delimitación de novas Zonas de Especial Interese Agrario, de xeito progresivo, en varios anos, co obxectivo de que nun prazo non superior a 5 anos, toda a superficie agraria de Galiza estea incluída nesta catalogación. Neste primeiro ano de entrada en vigor da Lei, está previsto o decreto de 5 comarcas piloto como ZEIA, nas que se fará un especial esforzo de explicación da Lei e de posta en marcha do Banco de Terras. Logo de ser tratado no Consello Agrario Galego, e a proposta da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, está prevista a declaración de ZEIA os concellos que constitúen as comarcas de Ordes, Terra Cha, A Limia, O Deza e Baixo Miño.

Comarcas Piloto declaradas como ZEIA


Estas cinco comarcas comprenden un total de 38 concellos, cunha superficie total de 500.000 hectáreas, correspondendo a superficie agraria aproximadamente 220.000 hectáreas, das cales 190.000 son Superficie Agraria Útil. Segundo os cálculos da Consellaría do Medio Rural, está previsto que se actúe sobre unhas 30.000 hectáreas, que son as que se atopan en situación de abandono ou semiabandono.

Superficie das Comarcas Piloto (ha)


Debemos salientar que estas comarcas presentan un dinamismo singular na actividade agraria, razón pola que se considera a conveniencia de iniciar nelas este tipo de declaración, que ademais do propio interese para a comarca, debería servir para experimentar o operativo inherente ao propio BANTEGAL.

Estamos a falar dunhas comarcas que totalizan preto de 40.000 explotacións que posúen máis de 700.000 parcelas, cuns ratios de 19 parcelas por explotación con tamaño medio de 6.000 m2 cada finca.

Datos das Explotacións


Nestas comarcas, tense experimentado tamén unha importante dinámica de relevo xeracional con apoio da Consellaría do Medio Rural, téndose incorporado nos últimos anos máis de 750 mozos e mozas como titulares de explotacións agrarias.

Tamén foi importante o esforzo inversor en plans de mellora das explotacións agrarias existentes, sendo auxiliados por este Departamento un total de 2.127 expedientes.

Incorporación de mocidade e plans de mellora


Respecto da concentración parcelaria nas comarcas piloto, dicir que estan rematadas un total de 84.000 hectáreas e preto de 60.000 están en distintas fases de execución.

Nas zonas piloto xa están rematadas e con Acordo Firme posterior ao 30 de decembro de 1992 algo máis de 36.000 hectáreas que xa son, por tanto, Zonas de Especial Interese Agrario desde a entrada en vigor da Lei.

Superficie de Concentración Parcelaria


Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com