Redacción 11 de setembro de 2007 O director da recentemente fusionada Elogia Media-GalizaBanner, Rubén López Ferreiro, foi convidado por Google a asistir ao seminario Above & Beyond 2007, que se celebra este mércores, 12 de setembro, na capital de Irlanda, Dublín. O convite supón un novo reforzo á proxección internacional da compañía galega, pois a este curso só foron convocados os expertos das sete maiores axencias de medios interactivos do estado español.
O seminario Above & Beyond reunirá na sede europea de Google un selecto grupo de especialistas en marketing online de todo o continente. Os plans de Google son proveer aos asistentes dalgunhas ideas sobre como ir “ao máximo e máis alá” no aproveitamento das ferramentas publicitarias de Google no próximo ano.
Segundo apunta o programa oficial do seminario, os líderes de Google farán demostracións prácticas das súas últimas novidades. Entre elas non faltarán novas aplicacións para os servizos de AdWords e AdSense, a presentación dun anovador produto de xeoposicionamento publicitario, mediante Google Maps; e outras webmaster tools (ferramentas para responsables de contas de marketing). Tamén compartirán interioridades da industria publicitaria en Internet, para favorecer a mellora dos resultados dos usuarios das súas ferramentas. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de debater como todas estas novidades poderían aplicárselles especificamente aos negocios dos seus clientes.
O director de Elogia Media-GalizaBanner considera “todo un orgullo que Google nos invitase a un encontro destas dimensións, coas grandes axencias a nivel europeo”. Para Rubén López Ferreiro, supón “un recoñecemento máis ao noso traballo”. Agarda que este seminario “sirva para mellorar o noso control dos produtos de Google, así coma un estreitamento nas relacións co xigante publicitario; e que ambas as dúas cousas redunden nun mellor servizo para os nosos clientes”.
As expectativas do responsábel de Elogia Media-GalizaBanner son “poder ofrecerlles aos nosos clientes os últimos avances de Google de xeito prioritario”. Aínda que, ao ser o seminario na sede da empresa estadounidense en Dublín, López Ferreiro non desbota “aproveitar para beber unha Guiness, traer algo de merchandising e comer sushi na cantina de Google”.
Ferramentas Google máis importantes AdWords é o programa de xestión publicitaria que permite a aparición nos resultados de Google de ligazóns patrocinadas relacionadas cos conceptos que o usuario teclea.
AdSense é o motor publicitario que posibilita que aparezan ligazóns patrocinadas noutras páxinas que non son de Google (medios de comunicación, foros, blogs…). Google rastrexa os contidos de cada páxina para que os anuncios publicados se adapten o máximo posible aos intereses dos lectores.