Redacción 10 de outubro de 2007 Este programa ordea por primeira vez de forma integral todos os esforzos que se realizarán para incrementar o hábito da lectura e fortalecer todos os actores do sector, desde libreiros a bibliotecas ou editores. As estratexias que expuxo a conselleira inclúen un importante esforzo financeiro: 50 millóns de euros até o ano 2011.
O Plan da Lectura é unha obriga que se deriva da Lei do Libro e da Lectura, que entrou en vigor a finais de xaneiro, para ordear este sector de grande importancia cultural e económica. Para elaborar o Plan, a Consellaría de Cultura mantivo un diálogo continuo con todas as partes implicadas. De feito, o Plan de Lectura debateuse e aprobouse na Mesa polo Libro, onde ademais das Consellarías de Cultura e de Educación, participan representantes dos principais actores do sector como son editores, libreiros, bibliotecarios, arquiveiros, documentalistas, tradutores e creadores.
Medidas de promoción
Entre as liñas de actuación do Plan destaca a mellora da imaxe social do libro a través de campañas de publicidade, celebración de eventos relacionados coa escrita ou a cooperación con bibliotecas, librarías, editoriais e autores. Outras accións destínanse ao fortalecemento do sistema bibliotecario cun programa de dotación de fondos ou cun incremento das bibliotecas virtuais de lingua galega. Pero o Plan tamén subliña a importancia de darlle un pulo á lectura no ensino e de crear programas de formación destinados a promotores e mediadores da lectura.
Trátase de mellorar a imaxe social do libro e da lectura, incrementar tanto en cantidade como en calidade a oferta, incidir de forma especial entre a xente máis nova; e reforzar a formación do persoal de promoción da lectura. Para isto, Cultura traballará con todos os actores implicados: edición, deseño, impresión, comercialización, bibliotecas e librarías.
Os datos do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega sinalan que, se ben a case totalidade dos galegos e galegas entenden o noso idioma, só o len o 68 %. Por isto, o Plan de Lectura porá especial fincapé na consideración social do libro en galego.
Crearase unha Oficina da Lectura que coordine o Plan
Desde a Consellaría de Cultura promoverase a creación dunha Oficina da Lectura como unidade permanente de coordinación, control e apoio do Plan de Lectura. Ademais dende a administración apoiarase un programa de traduccións do corpus universal e científico e crearase un portal de lectura que recolla textos dixitalizados.
Por outra banda, a conselleira tamén resaltou que, por primeira vez, Galiza contará con datos de seu sobre o sector cultural grazas ao Observatorio da Cultura Galega, no que participan, ademais de Cultura, o Instituto Galego de Estatística e o Consello da Cultura Galega. O Observatorio elaborará información independente sobre o sector cultural, entre eles, os hábitos culturais dos galegos e galegas, de forma que se mellorará a calidade das análises e avaliacións.
Consello Asesor do Libro
Xunto co Plan de Lectura, a Lei do Libro aprobada en xaneiro facía referencia tamén á aprobación do Consello Asesor do Libro. Precisamente, a Consellaría creou formalmente este organismo asesor o pasado día 26 de setembro. O Consello encargarase de realzira informes sobre os índices de lectura e da produción en Galiza, propostas de actuación para o fomento da lectura, para mellorar a edición ou a comercialización.
O Consello xorde como substituto da Mesa do Libro para dar voz a todos os implicados no sector. Así mesmo, o Consello Asesor do Libro tamén se encargará de elaborar unha guía de recursos para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate no que participarán expertos do país, organizar o Congreso do Libro Galego, editar a Axenda do Libro ou elaborar informes e estratexias para a promoción da literatura galega no exterior.