Redacción 02 de outubro de 2007 Con esta iniciativa preténdese lembrar as orixes agrogandeiras desta festividade e ensalzar as razas autóctonas de produción (ovella galega, cabalo pura raza galega, porco celta, etc.) Trátase dun desfile "simbólico" que recordará a tradición de trasladar o gando até a Feira de San Froilán, a través das rúas da cidade, algo que non se produce desde os anos 50 do
pasado século.
Dará comezo ás 19:00 horas da tarde e contará coa participación de gandeiros e criadores de diversos concellos galegos, fundamentalmente da provincia de Lugo, como O Corgo, Chantada, Lugo, Triacastela... O desfile encabezarano unha parella de burros fariñeiros (de nome Cuco e Cuca), cedidos pola Asociación de Criadores de Burros Fariñeiros que ten a súa sede en Pontevedra. A continuación irán dúas parellas de xugos de vacas de raza rubia galega, guiadas polos seus propietarios. Unha delas tirará dun carro que irá cargado de apeiros de labranza. Seguiranos outros dous carros, neste caso tirados por un cabalo e un burro, que levarán no seu interior varios exemplares de porco celta e de ovella galega. O público asistente tamén poderá contemplar un touro de 1.400 quilos de peso e varias vacas selectas da raza Rubia Galega, cedidos para a ocasión por criadores de ACRUGA. Pecharán o desfile dous exemplares
de can de palleiro e dous cabalos Pura Raza Galega acompañados dun domador e ataviados con roupas típicas da Idade Media.
Está previsto que amenicen o percorrido varios grupos de gaiteiros e haberá algunha sorpresa máis.
O itinerario, que se prevé que dure unha hora, atravesará o casco histórico e terá os seguintes puntos de referencia:
Saída da praza de Santo Domingo, onde previamente se terán descargado os animais, para continuar pola Rúa da Raíña, a Praza Maior (con parada diante do Concello), Obispo Aguirre (só o primeiro tramo) e remate na zona peatonal da Ronda da Muralla (entre o Seminario Maior e a propia Muralla).
Unha vez rematado o desfile, os animais serán trasladados até o recinto feiral onde o vindeiro día 4, e até o domingo día 7, terá lugar unha nova edición de Expolugo 2007, a feira dedicada ao sector agroalimentario máis importante da provincia.
O delegado da Consellaría en Lugo, Emilio López Pérez, levará a cabo todo o percorrido acompañando os gandeiros.