Redacción 02 de outubro de 2007 A Consellería de Cultura e Deporte e máis a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar asinaran na pasada primavera un convenio marco encamiñado a deseñar actuacións que promovan a integración e a igualdade no ámbito deportivo. Froito desas pautas de actuación resultaron programas como o Cachibol, destinado a maiores, ou Vela para todos encamiñado a superar discapacidades físicas para a práctica deste deporte.
Esta mañá, na Dirección Xeral para o Deporte, presentouse un terceiro elo desta cadea que, en palabras de Marta Souto, "busca integrar no deporte a todas as persoas". Tamén asistiron a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó.
O proxecto O noso baloncesto integra consiste na elaboración de xogos de baloncesto, de xeito experimental, en catro centros de menores tutelados pola Vicepresidencia da Xunta, sitos na provincia de Ourense: o Complexo de Montealegre, Monteledo, Montefiz e Centro a Carballeira.
A secretaria do Benestar, María Xesús Lago, fixo fincapé en que o dos menores é un ámbito "de especial relevancia para a Vicepresidencia, nos que se quere aplicar valores de solidariedade, traballo en equipo e apertura á comunidade".
Por iso, como explicou o presidente da Federación Galega, Francisco Martín, "o obxectivo é que se confíen no baloncesto como vehículo para a integración das persoas que o precisan, polo que a metodoloxía a seguir baséase na participación e na formación, non na competición".
María Xesús Lago afirmaba na rolda de prensa que "este proxecto vén a situar a política social o máis cerca posible da normalización para integrar aos menores despois da súa estadía nos centros".