ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Consellaría de Innovación e Industria colabora cun estudo sobre a contaminación dos fondos mariños nos portos de Galiza

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 02 de outubro de 2007 A empresa Centro de Investigaciones Submarinas S.L. (C.I.S.), en colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria, está a realizar un estudo sobre a contaminación que provocan nos fondos dos portos galegos produtos antiincrustación ou “antifouling”, é dicir, aqueles cos que se evita a corrosión que determinados organismos vivos provocan ao incrustarse na parte somerxida das embarcacións.

A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, achega ao proxecto un total de 77.350 euros durante o período 2006 – 2009. Esta axuda enmárcase no Programa de Recursos Mariños do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

O propósito desta investigación é coñecer o estado actual de contaminación no litoral marítimo galego. Segundo o equipo de investigadores que encabeza Miguel González, “é preciso e urxente coñecer o panorama real co obxectivo de tomar medidas para evitar prácticas prexudiciais”.

Entre os elementos contaminantes, destaca o tributil estano (TBT), composto da familia dos organoestámicos que ten propiedades biocidas, é dicir, que mata os organismos vivos. Esta capacidade faino útil para protexer as pinturas de barcos e estruturas mariñas, pero ao mesmo tempo fai que teña, segundo os científicos de C.I.S., “unha ampla gama de efectos prexudiciais”. Afirman que é “extremadamente tóxico incluso en concentracións moi baixas” ao entrar en contacto con organismos mariños como microalgas, poliquetos, crustáceos, equinodermos ou peixes”.

O estudo, ademais de indagar nos danos provocados polo TBT, inclúe un achegamento aos efectos doutros contaminantes asociados á actividade de tráfico marítimo e á reparación de barcos que afectan aos fondos dos portos. Estes compostos son fundamentalmente aceites, hidrocarburos e metais pesados, ademais de substancias transportadas polos barcos.

Anomalías no crecemento e esterilidade
Miguel González explica que o uso de TBT ou de compostos semellantes pode provocar na fauna mariña danos como alteracións do crecemento, anomalías reprodutoras, malformacións ou cambios de comportamento. Un dos efectos máis destacados é a indución ao cambio de sexo nas femias de determinados moluscos, provocando o crecemento de caracteres sexuais masculinos e a conseguinte esterilidade.

Aínda que xa existe regulamentación ao respecto da aplicación destes contaminantes tanto en España como noutros países do entorno, esta normativa é limitada. Como apunta Miguel González, “fai referencia a embarcacións pequenas e non aos grandes barcos”, co que a problemática segue a existir e “se agudiza nos portos con maior actividade”

De Ribadeo á Guarda
O estudo de C.I.S. abrangue toda a costa galega. Situáronse puntos de mostreo en todo o litoral, desde Ribadeo até A Guarda, así como nas Illas Cíes, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas. En cada un destes puntos, tómanse mostras de auga e de sedimentos que despois son trasladados ao laboratorio. Segundo Miguel González, esperan que os resultados nas Cíes amosen niveis inferiores de concentración dos contaminantes a estudar por teren a categoría de Parque Nacional.

C.I.S. conta coa colaboración nesta investigación do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bramotoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que traballa na posta a punto das diferentes técnicas de análise así como na caracterización de contaminantes metálicos. Tamén traballa no proxecto a empresa AGAS (Axencia Galega de Actividades Subácuáticas). O seu labor céntrase no apoio loxístico ao mostreo.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com