*Franco aínda é Alcalde Honorario de Lugo • O BNG esixe que se lle retire ao ditador a máis alta distinción municipal, como fixeron moitos outros Concellos do Estado e outras institucións como a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago
• O voceiro do BNG, Xosé Anxo Laxe, lembra que unha moción aprobada por maioría no Pleno en abril de 2006
a iniciativa do BNG obriga ao Concello a retirarlle ao dictador esta condecoración que o Goberno local non executou aínda a día de hoxe e acusa a Orozco de non ter interese ningún en acabar con este “anacronismo antidemocrático”.
• “É como se hoxe en día Hitler seguise a ser alcalde honorario de Berlín”, comparou Laxe
Publicidade:
Redacción 23 de novembro de 2009 O grupo municipal do BNG denunciou, no 34 cabodano da morte de Franco -20.11.1975-, que o ditador segue a ser alcalde honorario de Lugo. O BNG explica que o Goberno de Orozco segue sen executar a moción aprobada en Pleno no mes de abril de 2006, a iniciativa do BNG, para retirarlle ao ditador a máis alta distinción do Concello de Lugo, concedida no ano 1942.
O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Xosé Anxo Laxe, considera que manter a Franco como alcalde honorario de Lugo “é unha cuestión anacrónica e inaceptable en democracia que vai en contra do espírito da Lei de Memoria Histórica aprobada no Congreso dos Deputados”. O voceiro nacionalista explica que “a moción presentada polo BNG hai xa máis dun ano non buscaba facer revisionismo da historia, senón normalizar a vida democrática dunha institución como o Concello de Lugo”. “Entendemos que estas mencións, que veñen da época da ditadura, son acontecementos doutro tempo histórico que han de estar nos arquivos, nos libros de historia ou en museos, pero non presidindo unha corporación democrática”, afirma Xosé Anxo Laxe. “É como se Hitler seguise a ser hoxe en día alcalde honorario de Berlín”, compara o voceiro do BNG.
Os nacionalistas lembran que a Universidade de Santiago lle retirou recentemente a Franco o título de doutor honoris causa e que outros concellos do Estado como o de Girona, o de Zumárraga, o de Maiorca, o de Vinaròz, o de Cádiz ou mesmo o concello coruñés de Sada tamén lle retiraron ao ditador o título de alcalde honorario, así como as Deputacións de Lugo, Cádiz e Sevilla e a Universide de Salamanca. O BNG denuncia, sen embargo, que no caso de Lugo o alcalde, José Clemente López Orozco, segue mantendo a Franco como alcalde honorario da cidade, en contra incluso da moción aprobada en Pleno hai máis de tres anos. Para o Bloque, esta actitude do alcalde “proba o nulo interese de Orozco pola recuperación da memoria histórica”, ademais de resultar “contraditorio” co aprobado polo PSOE no Congreso dos Deputados a través da Lei da Memoria Histórica, que o BNG apoiou.
Concesión da Medalla de Ouro da cidade aos santos
O grupo municipal do BNG no Concello de Lugo esixe a Orozco que dea cumprimento á moción aprobada en Pleno no mes de abril de 2006 e retire a Franco as distincións municipais que ostenta (Francisco Franco foi nomeado alcalde honorario de Lugo en dúas ocasións, en 1939 e 1942, e alcalde honorario perpetuo en 1954) e que se elabore un novo Regumamento Municipal de honores e distincións, pois o actual data da época franquista.
O Grupo municipal do BNG explica que o Regulamento polo que se rexe no Concello de Lugo a concesión da Medalla de Ouro da cidade, os títulos de fillo adoptivo e fillo predilecto, así como o de alcalde honorario, foi aprobado en 1958 e segue en vigor pese a ser antidemocrático. Como exemplo, un parágrafo relativo á concesión da Medalla de Ouro da cidade, segundo o cal: “atendiendo al profundo sentimiento católico que informa la vida de nuestro pueblo y en razón a la tradición histórico-religiosa que constituye el pilar fundamental de nuestras creencias, queda establecido que, en especiales circunstancias, podrá la Corporación municipal conceder la Medalla de Oro de la Ciudad a las Imágenes de los Santos”.