ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Nace “A Liña do Galego”, para tramitar queixas, consultas e parabéns sobre dereitos lingüísticos
• Este servizo, creado pola Mesa, atenderá a través do teléfono 902 10 64 74 e do correo-e linhadogalego@amesanl.org
• A Mesa elaborará un informe anual con todas as informacións recibidas


Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 08 de novembro de 2007 A Mesa pola Normalización Lingüística pon hoxe en funcionamento A Liña do Galego, un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación que atenderá consultas sobre dereitos lingüísticos e tramitará queixas cara ás institucións, empresas etc, que os vulneren, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantir o dereito a vivir en galego.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, valora este novo servizo como un “proxecto estrela” desta organización en defensa da lingua. “Coa Liña do Galego, afortalamos o noso obxectivo de dar cobertura e amparo ás persoas ás que se lles impide desenvolver a súa vida na lingua propia do país”, sinala. “A idea de que hai dereitos lingüísticos en Galiza, tanto individuais como colectivos, non está asentada. Moitos galegofalantes continúan a considerar normal a exclusión do seu idioma. Iso é algo que queremos axudar a mudar, porque cando a poboación non é consciente dos seus dereitos, existe un défice democrático, que cómpre corrixir”, apuntala.

Aínda sen ter este servizo creado, A Mesa recibía xa cada ano “arredor dunhas 600 queixas”, unha cifra que a partir de agora agardan ver “amplamente superada”. Ademais, con todas as queixas, consultas e parabéns da Liña do Galego realizarase un informe anual, “que servirá tanto de diagnose da situación como para propor medidas de mellora para o ano seguinte”.

A Liña do Galego está dispoñíbel desde hoxe no teléfono 902 10 64 74, en horario ininterrompido de 8 da mañá a 10 da noite todos os días laborábeis, e a través do correo-e linhadogalego@amesanl.org. A Mesa garante a confidencialidade de todas as informacións achegadas á Liña do Galego, mais non tramitará chamadas nin correos anónimos.

A Mesa agradece o apoio institucional recibido para pór en andamento este servizo, “singularmente por parte da Vicepresidencia da Xunta de Galiza, que posibilita que este proxecto sexa por fin unha realidade”, e tamén o asesoramento fornecido pola fundación Behatokia, que mantén o Teléfono do Euskara.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com