ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O alumnado do IES Melide celebrará o Día do Peón 2007 na praza do convento da vila


Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 08 de novembro de 2007 O vindeiro 9 de novembro, venres, é a data elixida por Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional, para a celebración da 3ª edición do Día do Peón. A estacionalidade deste xogo vén marcada na fraseoloxía galega por dous refráns tales como Polo San Martiño, peóns ao camiño e Polo Santo Amaro, peóns ao faiado, substituíndo a palabra Peón nalgúns lugares por Pión ou Trompo e mesmo existindo algúns outros refráns como Pola Santa Olaia, peóns á borralla.

A grande resposta de entidades e centros escolares galegos nas pasadas edicións, chegando aos máis de 4 milleiros de participantes o ano pasado, impulsados nomeadamente por distintos centros de ensino de todo o país, debe facernos reflexionar sobre as potencialidades deste pequeno brinquedo, que con un rico contido oral apegado á nosa cultura nos proxecta dentro do ludismo universal.

Tamén coñecido como trompo, buxaina, pión, trompa, sevillana… este xogo está feito en madeira torneada; con un cravo de ferro na súa punta (ferrón) e un anaco de madeira redondo que sobresae na parte superior (o pirucho). A xornada é convocada por terceiro ano consecutivo co obxectivo de promover e potenciar a práctica do xogo tradicional e vai dirixida -nomeadamente- a tres sectores da sociedade: Os centros de ensino, os concellos e as asociacións de base.

O momento elixido para que bailen os peóns ao longo de todo o país é o VENRES, 9 DE NOVEMBRO, ÁS 12 DA MAÑÁ. Será nese momento tamén cando aproximadamente uns 200 alumnos e alumnas do IES Melide tomen a Praza do Convento da vila para facer bailar tamén os seus trompos. Nesta Praza central da vila bailarán, así, 200 dos arredor de 6000 peóns que o farán ao longo de todo Galiza simultaneamente. Os nenos e nenas do CEIP “Pastor Barral”, tamén de Melide, farán o mesmo nese xusto momento, pero no patio do seu centro.

Dáse a circunstancia especial nesta terceira edición do Día do Peón que o alumnado do grupo 4º de ESO A do propio IES Melide foi encargado pola organización galega da redacción do Manifesto Escolar do Día do Peón 2007, e que unha das alumnas deste grupo será entrevistada na tarde do mesmo venres, 9, pola Radio Galega en representación de todos os escolares galegos que participan na xornada.

Manifesto do Día do Peón (preme para descargar nun arquivo pdf)
Manifesto Escolar do Día do Peón (preme para descargar nun arquivo pdf)

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com