*Galiza estreará este nadal selección nacional feminina de fútbol • Camerún e Cataluña serán os rivais das seleccións masculina e feminina, respectivamente, o próximo día 27 de decembro en Balaídos
• Marta Souto destacou o debú da selección feminina xa que “é ir avanzando nun dos proxectos da nosa dirección, acadar a equiparación do deporte masculino e feminino”
Publicidade:
Redacción 08 de novembro de 2007 Galiza contará a partir deste Nadal con selección feminina de fútbol. Esta foi a principal novidade da rolda de prensa ofrecida pola directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana.
Despois de dous anos nos que a protagonista foi a selección masculina, tócalle a quenda ao equipo feminino, que debutará o próximo día 27 de decembro en Balaídos fronte a Cataluña. Posteriormente, será o equipo masculino o que salte ao céspede do estadio vigués e terá enfronte ao potente conxunto de Camerún.
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, destacou que este novo partido significa que “seguimos adiante co noso proxecto das seleccións galegas nacionais e este ano ademais co debú da selección galega feminina, nese esforzo, nese traballo que estamos realizando dende a Dirección Xeral para o Deporte para lograr a equiparación do deporte masculino e feminino”. Con respecto a seleccionadora do equipo feminino, Souto explicou que se está en contacto coa coruñesa Pilar Neira.
Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana, manifestou que “estes partidos son moi esperados pola sociedade galega e son posibles grazas ao apoio da administración galega”. Ademais, Meana destacou a colaboración do Celta, dos clubs, dos xogadores e xogadoras e dos corpos técnicos que colaboran de forma desinteresada na posta en marcha deste proxecto”.
“O 27 de decembro celebraremos a festa do fútbol nacional, e incido de forma especial no debú da selección feminina, xa que nos permite ir avanzando nos proxectos cos que a dirección Xeral para o Deporte se presenta. Un deles é traballarnos pola igualdade no deporte. Baixo o lema “a igual esforzo, igual recoñecemento” pulamos polo deporte feminino. Con estas palabras a directora xeral insistiu na importancia que para a Consellaría ten este primeiro encontro do equipo feminino, “xa que tiñamos unha débeda coas mulleres pioneiras”. Marta Souto tamén agradeceu a colaboración dos patrocinadores, do Concello de Vigo, o Celta, e a Federación Galega de Fútbol, para finalizar animando a “toda a sociedade galega a participar nesta festa do fútbol, non só coa presenza no campo, senón tamén co sentimento de sermos galegos e galegas”.