|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión ForoNOVO!!! Arquivo Ligazóns
|
*Voluntarios
de ADEGA-Lugo acudiron hoxe a declarar no xulgado de Mondoñedo
por deteren as obras da piscifactoría de Rinlo
Redacción,
31 de agosto
2005
Membros da delegación
luguesa da Asociación para a Defensa Ecolóxica de
Galiza (ADEGA)
que detiveron as obras da granxa de cultivos mariños de
Rinlo (Ribadeo), desde o luns 22 até onte, compareceron
hoxe pola mañá para declararen no Xulgado de
Mondoñedo, a raíz dunha denuncia presentada pola
empresa promotora, Acuinor S.L., e mais pola construtora, Cuiña.
Finalmente, a declaración foi adiada até o
19 de outubro por defecto na convocatoria dunha das persoas
denunciadas. As obras de construción da piscifactoría,
que degradan o espazo natural da Rede Natura 2000 "As
Catedrais", ocupando de forma inxustificada 42.000 m2, foron
reanudadas hoxe pola mañá.
Por outra banda, o
Xulgado de Mondoñedo admitiu a trámite a denuncia
penal presentada por ADEGA por infracción urbanística.
Asemade, ADEGA solicitou ao Xulgado unha orde de paralización
cautelar das obras da construción da piscifactoría.
Perante esta solicitude, que previsibelmente será resolta
mañán, o Xulgado demandou senllos informes ao
Concello de Ribadeo e ao Servizo de Protección da Natureza
(SEPRONA) da Garda Civil.
A xuízo de ADEGA, a
construción desta granxa no espazo natural "As
Catedrais" constitúe unha grave agresión
ambiental e incumpre a Directiva europea Hábitats. A granxa
altera un hábitat considerado de conservación
prioritaria pola UE (queirugais secos atlánticos costeiros
de Erica vagans). Esta piscifactoría foi rexeitada
anteriormente en Asturias, polo concello de Valdés primeiro
e polo concello de Castropol despois, por se querer instalar en
espazos naturais protexidos.
A granxa de Rinlo situaríase
nunha das zonas incluídas no Plan Sectorial dos Parques de
Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, aprobado pola
anterior Xunta cando xa estaba en funcións e sen un proceso
previo de diálogo e consenso social. Nunha entrevista co
director xeral de Recursos Mariños da Consellería de
Medio Ambiente, Nicolás Cortés, prevista para o
próximo venres, ADEGA denunciará o impacto ambiental
da granxa de Rinlo e demandará a paralización
inmediata do devandito Plan Sectorial para sometelo a unha fonda
revisión na que participen todos os sectores sociais
interesados e que supoña a exclusión dos espazos
naturais protexidos da costa galega ou susceptíbeis de
selo.
RELACIONADAS:
*Membros
de ADEGA chamados a declarar pola paralización das obras de
Rinlo *A
Consellaría de Medio Ambiente non revisará a
declaración de impacto ambiental aprobada polo anterior
Goberno no caso da granxa mariña de Rinlo *Membros
de ADEGA paralizan as obras dunha granxa de cultivos mariños
en Rinlo, nun espazo da Rede Natura 2000
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|