|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión ForoNOVO!!! Arquivo Ligazóns
|
*Caixa
Galicia comeza a campaña 'Vuelta al cole' en español
e en catalán
Redacción,
31 de agosto
2005
A Mesa
considera que se Caixa Galicia quere singularizarse por excluír
o galego, debería cambiar o nome a Caja Galicia.
Podes
facerlle chegar a túa queixa a
atencioncliente@caixagalicia.es.
A Mesa pola Normalización Lingüística
lamenta que Caixa Galicia volva dar pasos atrás no uso do
galego e novamente exclúa o noso idioma das súas
campañas publicitarias.
Esta entidade de aforro
acaba de lanzar a campaña de financiamento "Vuelta al
cole" cos materiais tanto en español como en catalán,
mais sen edición ningunha en galego. Igual desaparición
do idioma de Galiza vemos na nova sinaléctica que
recentemente colocou nos seus caixeiros. Resulta, cando menos,
paradoxal que unha entidade galega exclúa o galego mentres
entidades foráneas como La Caixa inclúen
sistematicamente o galego nos seus folletos publicitarios. Se
Caixa Galicia non quere utilizar a lingua propia, debería
comezar a pensar seriamente en mudar o seu nome para Caja
Galicia.
Para A Mesa pola Normalización Lingüística,
a actitude de Caixa Galicia é especialmente "lamentábel",
porque se produce despois de que no mes de marzo a propia entidade
anunciase o comezo da súa galeguización interna,
respondendo a unha demanda social.
Unha
carteira de clientes pide máis galego nos bancos
A
Mesa pola Normalización Lingüística agrupou nos
últimos meses unha carteira de clientes valorada en algo
máis de 15 millóns de euros. Esta carteira de
clientes entregarase a aquela entidade ou entidades que ofrezan
mellores servizos galeguizados. Caixa Galicia, ao discriminar o
galego novamente, parece querer autoexcluíse dos potenciais
destinatarios desta bolsa de clientes.
A Mesa mantivo nos
últimos meses conversas cos directivos e directivas das
principais entidades bancarias e de aforro, comprometéndose
varias destas entidades a facer avanzar notabelmente o proceso de
normalización lingüística interno e de atención
ao público. A asociación en defensa da lingua
manterá novas reunións nas próximas semanas,
para avaliar estes procesos de incorporación do
galego.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|