Publicidade
Contacto
|
*600 traballadores e traballadoras de Caixa Galiza dixeron NON á presión
Redacción 30 de outubro de 2006 Coa asemblea celebrada o día 25 na cidade de A Coruña e a celebración dunha nova en Lugo, en total case 600 persoas asistiron ás principais asembleas convocadas pola CIG en Caixa Galiza para analizar a situación creada polo proceso de bancarización e para decidir as medidas a tomar. É a primeira vez que un número tan significativo de traballadores e traballadoras de Caixa Galiza participan nunhas asembleas deste tipo.
Para a Sección Sindical da CIG o balón está hoxe no tellado da Dirección; as asembleas son un termómetro da temperatura laboral na empresa e está claro que Caixa Galiza está enferma.
Nos últimos dous anos a empresa está afrontando un cambio de modelo organizativo; gran parte da anterior estrutura comercial foi apartada das súas responsabilidades, sendo substituída por numerosos fichaxes procedentes do sector da Banca Privada. Deste xeito a equipa directiva, pretende axilizar a transformación da primeira caixa de aforros galega nun banco privado.
A sobrecarga de traballo, as descualificacións e os insultos aos traballadores e traballadoras como modo de actuación institucional por parte da Dirección da empresa, así como a aplicación unilateral de medidas laborais que empeoran a situación do persoal, son algunhas das cuestións denunciadas ao longo das asembleas.
Pero a nova política comercial tampouco gusta ao persoal, xa que o novo “estilo” implica comercializar produtos financeiros que para moitos empregados e empregadas atentan contra o seu código ético e contra a súa profesionalidade.
O descoñecemento por parte dos novos directivos comerciais da realidade das caixas de aforros, en concreto da grande diferenza da clientela tipo das caixas (pequenos e medianos aforradores, pensionistas, traballadores/as con nómina domiciliada, etc.) e a maior carga de traballo administrativo que xera este tipo de clientela respecto á clientela tipo dos bancos, está provocando un colapso na rede de oficinas e a sobrecarga de traballo no persoal.
Nos vindeiros días reunirase a Comisión Permanente da Sección Sindical da CIG en Caixa Galiza para analizar con maior profundidade o alcance das asembleas así como os seguintes pasos a tomar, sen descartar ningún tipo de medidas de presión.
Os traballadores e traballadoras de Caixa Galiza están en disposición de moverse para defender as súas condicións laborais e para reivindicar un modelo de xestión propio dunha caixa de aforros, e solicitan que todos e cada un dos pasos que se dean conten co máximo respaldo de toda a representación sindical e de todo o cadro de persoal.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|