GaliciaBannerGaliciaBanner
ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*Anxo Quintana promete para despois das municipais “un novo tempo político para A Coruña liderado por Henrique Tello”

Redacción 30 de outubro de 2006 Destaca que “todas as análises do BNG sobre as necesidades da cidade se viron refrendadas”.

O Portavoz Nacional do BNG, Anxo Quintana afirmou que “é a hora dun novo tempo político para A Coruña, que será liderado por Henrique Tello”, na apresentación do candidato nacionalista á alcaldía. O acto tivo lugar o pasado venres no Hotel Barceló, e contou coa presenza de numerosos cargos institucionais e orgánicos do Bloque. Ademais do líder nacionalista falou o propio Tello, nun mitin conducido pola actriz Flor Maceiras.

O vicepresidente da Xunta dixo que “este novo tempo político ten que estar xestionado por un equipo diferente ao que gobernou na cidade durante máis de vinte anos”. “Temos a persoa que pode liderar ese novo tempo, porque Quique Tello é un namorado da Coruña, un coñecedor exhaustivo de todo o termo municipal, un coruñés dos que non só se fixa no paseo marítimo senón que sinte como seus todos os barrios da cidade, unha persoa próxima e que entende a politca como un servizo aos cidadáns”, segundo afirmou.

Análise acertada

O discurso do máximo dirixente nacionalista fixo especial fincapé en que todas as análises do BNG acerca da cidade se foron cumprindo. “O BNG defendeu en solitario que era necesario outro tipo de urbanismo, que era necesario galeguizar o concello e democratizar esta insitución, e agora todo o mundo nos dá a razón”, recalcou.

Quintana prometeu unha campaña en positivo, “desde o convencemento de que o BNG gobernará despois das eleccións municipais e iso servirá para que o Concello sexa de todos e todas”.

Voltar a novas

Ver anteriores