ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
A Mesa pide que Radio Galega Música se especialice en música en galego e en portugués


Redacción 30 de outubro 2005 O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, mantivo un encontro co director da Radio Galega, Virxilio Costas, no que se abordou o papel da emisora autonómica no proceso de extensión social do galego e da súa conversión en “lingua de prestixio”. Ambos os dous coincidiron en situar a Radio Galega como un instrumento útil e eficaz para a normalización do idioma propio.

Callón, ademais, defendeu nesta entrevista que se reformule Radio Galega Música, que emite xa analoxicamente, para que pase a retransmitir só música en galego e portugués, así como programas especializados en música galega e dos países de lingua portuguesa. Esta decisión non tería custo ningún para a emisora autonómica, mais suporía un ben cultural moi importante para a comunidade. Hai que ter presente que nestes momentos a Radio Galega ten unha emisora, Son Galicia Radio, que programa as 24 horas do día música en galego, mais faino unicamente a través de internet e da Radio Dixital, o cal dificulta moito a súa difusión social nestes momentos.

A Mesa considera tamén que todas as persoas en nómina da Radio Galega, sexan presentadores, tertulianos ou opinadores, deben expresarse sistematicamente en galego ante os seus micrófonos. Débese terminar coa práctica de contratar a “opinadores” foráneos que descoñecen o galego, así como co cambio de lingua por parte de algúns presentadores cando entrevistan a persoas de fóra de Galiza.

Virxilio Costas mostrouse receptivo ás propostas da Mesa, que estudará co equipo directivo da radio autónomica. Ademais, A Mesa e a Radio Galega observarán tamén outras posíbeis vías de colaboración no obxectivo compartido de impulsar a lingua galega.


Voltar a novas

Ver anteriores