ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Xosé Neira Vilas recibirá o premio Ramón Piñeiro “Facer País”, gañador de entre 36 candidaturas

Redacción 30 de agosto de 2006
Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro e Beiras Torrado foron os anteriores galardoados pola Asociación “Val de Láncara”.

Segundo acordou o Xurado constituído ó efecto para outorgar nesta quinta edición o Premio Ramón Piñeiro de “Facer País” o pasado 24 de agosto, o escritor galego Xosé Neira Vilas foi o gañador, escollido entre as 36 candidaturas presentadas este ano. Este Premio está convocado pola Asociación Cultural “Val de Láncara”, de Lugo, e nas catro anteriores edicións premiouse a Díaz Pardo, Luís Tosar, o grupo Milladoiro, e o pasado ano, Xosé Manuel Beiras. Así o confirmaron hoxe en Rolda de Prensa Aníbal Piñeiro, irmán de Ramón Piñeiro; Carlos López Sierra, secretario de Asociaciòn Cultural Val de Láncara; Mª Jesús López Loureiro, en representación do concello de Láncara, e Xaime Félix López Arias, cronista oficial da comarca de Sarria.

O Xurado considerou nesta ocasión a Neira Vilar acreedor deste recoñecemento “por toda unha vida de compromiso con Galiza e a súa cultura, pola súa incardinación co medio rural e as vivencias das súas xentes, o seu intenso actuar como aglutinador de esforzos colectivos na emigración –especialmente na Arxentina e Cuba-, o seu fecundo labor literario en compaña da súa dona Anisia Miranda, gozando do seral recoñemento pola autenticidade e a intensidade da súa colaboración coas Asociacións e demais axentes culturais de Galiza, medios comunicación e demais foros da galeguidade”, argumentos todos eles que forman parte das condicións esixidas para o outorgamento deste recoñecemento.

O Premio será entregado en Carracedo –Láncara- en próximas datas, e terá carácter público nun acto no que tamén se renderá homenaxe á figura de Don Ramón Piñeiro López.

O Xurado está composto por divers@s representantes das Asociacións Culturais da comarca de Sarria, e as Asociacións Culturais do Val de Neira, un total de 15 membros.


Voltar a novas


Ver anteriores