|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*A MESA reclámalle á Consellaría de Educación que “asuma a súa responsabilidade”, “traballe de verdade a favor do galego” e se deixe “de autobombo e maquillaxes”
Só o 2,28 % dos centros de infantil das sete cidades pasarán a impartir algunha aula en galego.
O 97,72 % dos centros de infantil das cidades continuarán a minimizar o galego no novo curso escolar.
Os centros souberon onte, polos medios de comunicación, que lles aceptaban entrar no proxecto piloto de galeguización.
Redacción 30 de agosto de 2006 A Mesa pola Normalización Lingüística vai valorar publicamente mañá (31 de agosto), polo miúdo, a política lingüística desenvolvida pola Consellaría de Educación, a través dunha conferencia de imprensa, segundo apuntan:
1. O chamado proxecto piloto presentado pola Consellaría de Educación non se adecúa aos consensos existentes actualmente sobre o proceso de normalización lingüística: nin ao acordo de Goberno PSdG-BNG, nin ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade hai dous anos, nin ao tratado internacional denominado Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.
2. Desde A Mesa constatamos que o esforzo propagandístico da Consellaría de Educación (“conseguir a foto”) ten a finalidade de encubrir o seu desinterese en estender o galego como vehículo de ensino a todos os centros de ensino e a todos os tramos educativos, tal e como estipulan os consensos antes referidos.
3. O número de familias galego-falantes é maioritario nalgúns destes centros, polo que a súa inclusión neste proxecto non supón ningún adianto real para o galego e mesmo pode significar un retroceso, debido a que para que haxa unha aula na nosa lingua ten que haber outra en castelán (a Consellaría non garante os mínimos de docencia en galego neses casos).
4. Só hai sete centros afectados nas cidades, cando o conxunto de centros (públicos e privados) de infantil na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol é de 307. Iso significa que só o 2,28% dos centros das cidades pasarán a impartir algunha aula en galego.
5. A Consellaría nin tan sequera se preocupou de que houbese un centro de infantil en cada cidade e cabeceira de comarca. É significativo que non haxa ningún centro nin na cidade de Santiago nin na cidade de Pontevedra.
6. A Mesa quere felicitar ás comunidades educativas que entraron dentro deste proxecto piloto, polo esforzo excepcional que tiveron que realizar a finais de curso (debido á improvisación da Consellaría) para poder saltar todos os obstáculos e impartir esa aula en galego.
- As direccións de todos os centros implicados víronse obrigadas a cumprir un calendario apresurado e moi estrito, mais despois a Consellaría non cumpriu á hora de informar os centros: A Consellaría sinalaba na convocatoria deste proxecto piloto que o día 30 de xullo ían publicitar os centros que entraban dentro do tal proxecto. Os centros (e A Mesa pola Normalización) estiveron chamando ao longo destas catro semanas, mais a Consellaría non informou até onte, sabendo os centros a través dos medios de comunicación que o seu proxecto estaba incluído.
7. A Mesa vai facer seguimento de que todos estes centros reciben un apoio material e económico especial por parte da Consellaría de Educación, mais tamén exixe que tal apoio se faga extensíbel a todos os centros de ensino que imparten aulas en galego, estean ou non dentro deste proxecto piloto.
8. A neglixencia da Consellaría fai que na aplicación deste proxecto se dean casos como os seguintes dos que A Mesa ten coñecemento directo:
- Hai centros onde se aprobou a incorporación dunha aula en galego na asociación de nais e pais, no claustro e no Consello Escolar, mais que non entraron dentro do proxecto.
- Hai centros que entran dentro deste proxecto mais que non puideron admitir máis alumnado no grupo en galego, a pesar de existir a demanda, debido a que a Consellaría obriga a que, onde se imparta unha unidade en galego, ten que haber outra en castelán (cun número parello) e non se poderán crear unidades novas.
- Hai pais e nais en cidades que tentaron cumprir os múltiplos requisitos exixidos pola Consellaría de Educación, mais que finalmente non lograron que o seu centro incluíse unha unidade en galego. Na súa cidade hai outro centro que si o conseguiu. Que solución lles vai dar a Consellaría?
9. A Mesa quere subliñar a necesidade de que o proceso de galeguización avance de verdade: “Queremos vivir en galego, non recibir o tratamento de obxectores de consciencia”. Os problemas non se resolven con propaganda como a que onte escenificaron a Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Presidencia da Xunta.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|