ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*Quintana di que o 19-x se confrontan dous proxectos, o do PP de equiparar Galiza con Ceuta e Melilla e o do BNG de pór ao País na vangarda do debate territorial


Redacción, 30 de maio 2005. O líder do BNG asiste á apresentación do manifesto “No Nome da Esperanza, xa Vai” e acusa a Fraga de xuntar á xente “non para falarlle dos seus problemas, senón para meterlles medo”.

A precampaña está a pór de manifesto que o 19 de Xuño se van confrontar nas urnas dous proxectos distintos de país: o do PP que pretende equiparar Galiza con Ceuta e Melilla e o do Bloque Nacionalista Galego que tenciona colocar ao país na vangarda do debate territorial actualmente en curso no Estado.

Nestes termos pronunciouse esta mañá en Santiago o candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, durante un encontro con xornalistas previo á súa asistencia ao acto de apresentación do manifesto “No Nome da Esperanza, xa vai”.

A precampaña está a clarificar cada vez máis as cousas”, afirmou Quintana e engadiu: “Hoxe é evidente que a política do PP e de Fraga Iribarne, en termos autonómicos, leva claramente a dirección de intentar equiparar a Galiza coas cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Outórganlle a Valencia o que lle negan a Galiza. Ese é o proxecto do PP. O do BNG, en cambio, quer un cambio galego para desde Galiza iniciar un novo tempo político para o noso país se homologar ás nacións do Estado e estar á vangarda do proceso territorial que se está a dar no Estado español. E iso é o que nos xogamos o día 19”.

A precampaña está a revelar tamén que Fraga “ten un pánico absoluto a perder”. “O problema de Fraga é que non entende a vida política sen o poder. Iso é o que o move, ese pánico, a estar insultando todos os días e a estar axitando a fantasma do medo. Ademais, Fraga fai continuamente unha política de exclusión, de división, de bons e maos. E eu creo que en Galiza pasa exactamente o contrario. En Galiza non sobra ninguén. Por non sobrar non sobra nen Fraga. O único que sucede é que ten que pasar á oposición. E eu creo ademais que sería unha boa aprendizaxe para el, agora quizá xa a unha idade tardía, pero nunca é tarde para aprender. E penso que desde a oposición vai ter que aprender a dialogar”, engadiu o líder nacionalista.

Quintana lembrou que Fraga se ten negado sistematicamente a dialogar para que en Galiza houbese un traballo de iniciación para a constitución dun novo Estatuto. Nese sentido, anunciou que “eu como presidente si que lle vou dar a oportunidade de dialogar, a oportunidade que el non me deu a min. E imos ter que dialogar, porque el tamén é necesario para a constitución dese Novo Estatuto de Nación que Galiza precisa”.

O portavoz nacional do BNG considera que Fraga debería pór fin á práctica de criticar ao nacionalismo através dos medios e cando “eu non estou presente”. “Se Fraga ten tantas cousas que me dicer a min e ao BNG, que debata. Eu espéroo o primeiro día de campaña, na TVG, sen censuras, en directo, para que podamos falar de todas estas cousas, e para que mas poda dicer á cara, e eu poda expresar a miña opinión, el, a súa, e que a xente contraste. Contraste pareceres, contrasta opinións, e que reparta por tanto razóns. Que debata, que debata”.

A negativa a debater explícaa Quintana na evidencia de que Fraga “non ten nada que dicer, porque ten medo e porque non ten alternativas”.

“COMPARTO O ESPÍRITO E A LETRA DESTE ACTO”

Quintana expresou a súa ledicia por tomar parte, desde o público, no acto de apresentación do manifesto “No Nome da Esperanza, xa Vai”.

“Comparto o espírito e a letra deste acto. Penso que é moi bon que a cidadanía participe en política. É un síntoma de saúde democrática. Por iso me merecen moitísimo respeito tanto as entidades cívicas ou as forzas políticas que convocan actos como as persoas que acoden a elEs. Por iso me parece inaceitábel que Fraga chame morralla aos que convocan determinados actos e os que acudimos a eles. Paréceme unha evidencia máis de falta de espírito democrático, impropria dunha persoa que aspira a ser presidente da Xunta de Galiza”, acrecentou.

O que tamén merece a crítica de Quintana é a atitude que Fraga “ten coa xente”. “Fraga xunta a xente en determinado tipo de actos para despois non lle falar dos seus problemas como cidadáns, senón para meterlles medo. Fraga utiliza a xente como un pano de usar e tirar. Fálalles da unidade de España, pero non daquelas cousas que preocupan á xente”.


Voltar a novas

Ver anteriores