|
Publicidade Contacto Novas Internacional Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*IV
Congreso da CIG: apróbase o informe de xestión,
modifícanse os Estatutos e reelíxese a Suso Seixo
como Secretario Xeral
Redacción,
30 de maio
2005. Na primeira xornada do IV Congreso da
Confederación Intersindical Galega, no que participan 605
delegados, dos que 500 foron elixidos polos distintas comarcas e
federacións, proporcionalmente
á afiliación, 99 como membros do actual Consello
Confederal e 6 da Comisión de Garantías, iniciáronse
os debates, tras aprobarse o Informe de Xestión da até
o de agora Executiva Confederal, con 377 votos a favor, 39 en
contra e 73 abstencións.
A
apertura do IV Congreso da CIG correu a cargo de Anxo Noceda,
Secretario Comarcal de Compostela, quen deu a benvida aos
participantes subliñando a importancia da xuntanza, por
constituír o órgano soberano da central sindical no
que se debaterá e definirá “o futuro inmediato
da nosa organización, tanto no referente a nosa propia
autorganización interna como na definición das liñas
básicas da nosa actuación sindical”.
De
seguido, debateuse e aprobouse por unanimidade o regulamento
congresual, previo á presentación do informe de
xestión da Executiva Confederal, do que se encargou o até
o de agora, Secretario Xeral, Suso Seixo.
Na súa
presentación do informe, Seixo comezou facendo referencia á
situación política actual, co cambio de goberno a
nivel estatal. Neste sentido, apuntou que “está por
ver aínda en que se van concretar as políticas
laborais, sociais ou económicas deste novo goberno, así
como, o que vai a pasar co debate sobre a reformulación da
estrutura xurídico-política do Estado, o
recoñecemento ou non da carácter plurinacional do
mesmo e, en función diso, o nivel de competencias e, polo
tanto, de autogoberno que vai ter Galiza”.
O
secretario Xeral da CIG tamén manifestou o seu descontento
coa actitude do goberno de Zapatero cara a central sindical,
porque “xa temos comprobado hoxe, que existe unha aposta
clara deste goberno por apoiar e potenciar ás centrais
sindicais estatais, en prexuízo e con actitudes claramente
discriminatorias das centrais sindicais nacionalistas”,
afirmou.
Cambio de goberno en Galiza cunha maioría
nacionalista
Suso Seixo apostou por un cambio de
goberno nas eleccións do 19 de xuño indicando que
“se isto sucede, estaríamos ante un escenario
político que abre certa esperanza a que Galiza se libere do
xugo da dereita españolista, caciquil e clientelar e se
poda empezar a facer políticas realmente defensoras da nosa
realidade material, social e lingüística”. A
este respecto, o secretario xeral da CIG puntualizou que “sería
moi importante que ese novo goberno galego contase con maioría
nacionalista”.
Para Seixo o PP ten fracasado na súa
xestión ao longo destes 16 anos, tal e como indican índices
como o 13,5% de desemprego; o 34% de contratación temporal;
o medre do PIB dous puntos por baixo do estatal nos últimos
cinco anos ou o gasto social, inferior á media do
estado.
Ademais, expresou a preocupación da CIG pola
situación na que se atopan os sectores produtivos, cun
proceso constante de perda de postos de traballo e a carencia de
emprego que obriga a centos de mozos e mozas a emigrar,
convertendo este fenómeno nunha nova sangría para o
país polas graves consecuencias “familiares,
económicas, demográficas e mesmo políticas
que ten”.
Conflitividade laboral e social en
Galiza
Facendo un repaso a estes catro anos destacou o
protagonismo da CIG nas dúas folgas xerais convocadas o 15
de xuño de 2001 e o 20 de xuño de 2002, en resposta
ás políticas neoliberais do PP de recorte de
dereitos laborais e sociais, pero tamén de resposta
política a unha forma de gobernar autoritaria e de recorte
de liberdades públicas; a xornada de loita convocada pola
CIG contra o decretazo, o 2 de outubro de 2002 e as diferentes
campañas de denuncia da represión contra o movemento
sindical -inicialmente como resposta a unha primeira sentenza do
xulgado nº 2 de Lugo, pola que se condenaba a tres
compañeiros da CIG de Lugo; a campaña contra a
política seguida polas Mútuas; a loita contra os
altos índices de precariedade, que foi e segue sendo “unha
preocupación constante na nosa acción sindical; a
campaña a favor do NON no referendo da Constitución
Europea; todos os conflitos derivados da defensa do posto de
traballo (Gesruber, Sintel, Gonzacoca, Auxivigo, Aucasol, GEA,
Avigan, Sta. Bárbara, Anodizados de Sabón, Izar,
Banco Pastor, italtel, Valeo....); a esforzo en materia de Saúde
Laboral nas empresas; a problemática de xénero e a
loita pola igualdade e contra a discriminación da muller;
todas as actividades relacionadas coa conflitividade social e as
diversas manifestacións de delegados e delegadas sindicais
de carácter nacional
Negociación
colectiva
Alén de indicar os escasos avances
canto á mellora das condicións laborais e salariais,
Suso Seixo responsabilizou aos sindicatos maioritarios a nivel
estatal de teren asinado os chamados Acordos Interconfederais (de
contención salarial), de teren desmobilizado á clase
traballadora, de reducir a negociación colectiva a un mero
ritual de negociación e colaboración entre as
cúpulas sindicais e a patronal e de provocar con isto o
recorte do poder adquisitivo dos salarios e o incremento dos
beneficios salariais.
Consolidación organizativa
do proxecto sindical da CIG
Seixo destacou que a CIG
conseguiu recuperar, a 31 de decembro de 2003, un punto respecto
dos catro anos anteriores, situándose no 26,2 de
representatividade, cun total de 4.595 delegados e delegadas, “uns
resultados que podían ter sido aínda mellores,
aproximadamente un punto máis se se tivesen celebrado
antes as eleccións no sector do mar, no que a CIG é
a central sindical maioritaria”.
Canto ás
Federacións, o Secretario Xeral da CIG lembrou que, no
pasado Congreso, se fixara como obxectivo camiñar cara a
unhas federacións máis fortes, con máis
medios, mellor estruturadas e con capacidade de actuar
sindicalmente en todo o país, recorrendo para isto a
fusionar algunhas das federacións hoxe existentes na CIG
“que entendíamos tiñan escasas posibilidades
potenciais de desenvolvemento coa súa estrutura actual”.
Este proceso permitiu a fusión das federacións de
alimentación, transporte e mar nunha soa (FGAMT), que se
sitúa como a segunda en número de afiliados dentro
da CIG.
Incremento da afiliación
Outro
dos datos que recolle o informe de xestión, e que resaltou
Seixo foi o incrementou da afiliación da CIG nos últimos
catro anos en 11.177 traballadoras/es, un 28,84% máis, o
cal sitúa a CIG, con máis de 50.000 afiliados reais
como primeira forza sindical en Galiza en afiliación, “con
posibilidades reais de seguir incrementándoa nos próximos
anos”.
Unha vez rematado, procedeuse a un longo
debate sobre o mesmo, tras do que se procedeu á súa
aprobación, con 377 votos a favor, 39 en contra e 73
abstencións.
Descarga
o Informe Apresentado pola Executiva Confederal
**O
Congreso da CIG aproba a modificación dos seus
Estatutos
Créase
unha caixa de resistencia para axudar aos traballadores en
conflitos
O
Congreso da CIG vén de aprobar os relatorios de
Organización e de Estatutos. Para calquera modificación
deste último precisábase unha maioría dos
dous terzos, marxe amplamente superada.
Con 371 votos a
favor, 25 en contra e 55 abstencións quedaba aprobado o
relatorio de Organización. Tras deste, aprobábase o
relatorio de Estatutos, que inclúe entre outras
modificacións a respecto dos anteriores, a creación
dunha caixa de resistencia, para axudar aos traballadores e
traballadoras en conflitos. Outra das modificacións
relevantes, canto á estrutura organizativa interna foi a
aprobación da creación dos Secretariados nas
estruturas territoriais.
Para a modificación dos
Estatutos, os dous tercios dos delegados teñen que dar o
seu apoio. Cunha participación de 540 persoas, terían
sido necesarios 360 votos. O Congreso emitiu 419 votos a favor,
105 en contra e 16 votos brancos, co que a porcentaxe foi
amplamente superada.
**O
Congreso da CIG reelixe a Suso Seixo como Secretario Xeral
O
IV Congreso da CIG reelixiu con 405 votos a Suso Seixo como
Secretario Xeral. A candidatura encabezada por Manuel Currás
Meira, obtivo 104 votos. Para a Executiva Confederal,
presentáronse tres candidaturas, a encabezada por Suso
Seixo obtivo 9 representantes, con 398 votos, a encabezada por
Manuel Currás Meira, obtivo dous representantes con 110
votos e a encabezada por Xosé Francisco Miranda Vigo obtivo
1 representante con 42 votos.
Na súa intervención
como Secretario Xeral recén elixido, Suso Seixo avanzou as
dificultes coas que se terá que enfrontar o sinidcalismo
nacionalisna, nun escenario sociolaboral marcado “polo
desemprego, a emigración, a precariedade, os altos índices
de sinistralidade laboral, o recorte das prestacións
sociais e do poder adquisitivo dos salarios, a deterioración
e privatización dos servizos públicos, os intentos
de reforzar o marco estatal de relacións laborais, así
como un escenario de desencontro entre o modelo sindical da CIG e
o do sindicalismo estatal”.
Unha situación da
que dixo que “xa estamos afeitos a desenvolvernos e que vai
exixir de nós perfeccionarmos os nosos métodos de
traballo, as nosas alternativas e reforzarmos o noso compromiso co
sindicalismo reivindicativo e mobilizador se queremos mudar este
escenario tan negativo para os intereses da clase traballadora
galega”.
Pero para mudar esa situación, Seixo
indicou que a CIG considera imprescindíbel que se dea un
novo marco político para Galiza e que é
imprescindíbel “a reivindicación de maior
soberanía para o noso País, como forma de garantir
un desenvolvemento económico e social que sexa real e
autocentrado”.
Eleccións do 19 de
xuño
Por iso, de cara ás eleccións
do 19 de xuño, o secretario xeral da CIG afirmou que “sería
fundamental para o noso país, e polo tanto tamén
para a clase traballadora galega, que o peso e a política
do futuro goberno galego estivera dirixida polo nacionalismo, se
queremos ter garantía de que se van pór nun primeiro
plano e que se lle vai intentar buscar solución, aos
problemas reais que ten Galiza”.
Isto non será
posibel, ao entender de Seixo, “se quen dirixe a política
da Xunta de Galiza é de novo unha forza política
estatal, que nunca se caraterizou precisamente polo seu firme
compromiso coa defensa dos intereses de Galiza e que ten nas súas
fileiras a dirixentes de destacada militancia antigalega e
proimperialista española”.
O
Secretario xeral da CIG deu especial relevancia á creación
da caixa de resistencia, dotada incialmente con 360.000 euros,
destinada a compensar economicamente as perdas salarias dos
traballadores en folga.
De cara ao futuro, tamén
advertiu das escasas posibilidades de encontro coas centrais
sindicais españolas e fixo especial fincapé no papel
que exerce CCOO, “convertida desde hai xa algún tempo
nunha colaboradora eficaz do Poder á hora de defender o
modelo de Estado centralista ou de impor certas políticas
neoliberais, téndose convertido de feito no sindicato de
confianza dunha parte moi importante da patronal organizada e
mesmo do Partido Popular”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|