ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*O BNG apresenta un escrito ante a Xunta Eleitoral de Galiza para que se estremen as garantías de limpeza na emisión do voto emigrante


Redacción, 30 de maio 2005. Os residentes ausentes son o 13,23 por cento do censo galego e non existen a día de hoxe suficientes garantías que aseguren a pureza do proceso. O Bloque Nacionalista Galego vén de apresentar un escrito perante a Xunta Eleitoral de Galiza para que se estremen as garantías de limpeza na emisión do voto dos residentes ausentes.

En opinión do BNG, a Administración Eleitoral debe tomar medidas efectivas para garantir o carácter libre, secreto e directo do voto emigrante. Do contrario, ábrese unha ampla marxe á manipulación do voto e a fraude eleitoral, asunto de enorme importancia se temos en conta que os residentes con dereito a voto nestas eleccións ao Parlamento de Galiza son 304.660, o que equival ao 13,23 por cento do censo galego.

Entre outras cousas, o BNG pide que se exixa como garantía de validez dos votos emitidos desde o exterior que os envíos postais teñan o carácter de “certificado” e que se comprobe fidedignamente que non hai unha reiteración do tipo de letra nos envíos, a fin de descartar a existencia de envíos masivos (isto é, que unha soa persoa vote por varias).

O BNG demanda asemade que desde o Ministerio de Exteriores se dean instrucións ás embaixadas e consulados para o persoal ao seu servizo vixiar os actos contrarios á lexislación eleitoral “e dean traslado das irregularidades que poidan detectar á Administración Eleitoral”. Tamén se interesa o Bloque Nacionalista Galego porque se garanta a custodia dos sacos postais que conteñen os votos procedentes do exterior por parte da Administración eleitoral.

O BNG considera que a actual lexislación non é suficientemente garantista á hora de asegurar a limpeza do proceso. De todos xeitos, pensa que a Administración Eleitoral tampouco utilizou até agora todos os mecanismos ao seu alcance para, no posíbel, minimizar as irregularidades que se veñen detectando na emisión do voto emigrante.

O BNG entende que a equiparación dos direitos eleitorais dos emigrantes a  respeito dos residentes no país só será posíbel mediante a reforma, que os nacionalistas galegos xa teñen proposto no Congreso nesta mesma lexislatura, da Lei Orgánica do Réxime Eleitoral Xeral.

Infelizmente, nen PP nen PSOE apoiaron no seu día, no debate en Pleno, a proposta de reforma do BNG desta lei, iniciativa que pretendía que o exercicio do direito de voto no exterior se materializase nas mesmas condicións que no país, isto é, voto en urna, en colexios eleitorais e con interventores, e non mediante un proceso de voto por correo sen nengún tipo de control sobre a identidade da persoa que o emite.

Escrito apresentado polo BNG ante a Xunta Electoral


Voltar a novas

Ver anteriores