Publicidade
Contacto
|
*O consumo moderado de cervexa pode diminuír algún factor de risco de enfermidades neurodegenerativas*
Redacción 29 de novembro de 2006 O silicio contido na cervexa prevén fronte á intoxicación por aluminio. O consumo moderado de cervexa aportaría o 50% da inxesta diaria recomendada de silicio. O consumo moderado de cervexa pode diminuír un dos factores de risco da enfermidade de Alzheimer, xa que esta bebida fermentada contén silicio, un mineral que parece interaccionar co aluminio, metal neurotóxico que se relaciona coa demencia e outras desordes como a enfermidade de Alzheimer.
Esta é unha das principais conclusións do traballo de investigación "A cervexa como fonte dietética de silicio e o seu efecto protector fronte á intoxicación por aluminio: influenza sobre a absorción e a acumulación deste metal neurotóxico" desenvolvido pola Dra. Mª José González Muñoz e a Dra. Isabel Meseguer Soler, do departamento de Nutrición, Bromatoloxía e Toxicoloxía da Faculdade de Farmacia da Universidade de Alcalá de Henares e que se presentou onte comunidade científica no Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Coruña, na sede de Santiago de Compostela.
A cervexa é unha das principais fontes de aporte de silicio á nosa dieta xunto co café, a auga, os plátanos, os feixóns verdes e as espinacas, entre outros alimentos. Esta bebida contén aproximadamente 36 mg/l de silicio biodispoñíbel, o que implicaría que un consumo moderado de cervexa (dúas cañas ao día de 200 ml.) aportaría aproximadamente o 50% da inxesta diaria recomendábel de silicio; aínda que os requerimientos diarios deste elemento non están na actualidade totalmente estabelecidos.
"Debido á posíbel interacción entre o aluminio e o silicio observada a nivel do tracto gastrointestinal, e á diminución da presenza de aluminio en plasma e tecido cerebral, poderiamos indicar que o silicio, en forma de ácido silícico, pode reducir a biodispoñibilidade do aluminio, e xa que logo, sería un elemento a considerar como factor de protección fronte a este metal. O tratamento con cervexa con alcohol a unha dose moderada-alta, parece exercer o mesmo efecto. Xa que logo, un aporte moderado de cervexa podería ser tido en conta nos hábitos dietéticos da poboación como posíbel factor protector, feito que reafirma a recente inclusión desta bebida na pirámide nutricional da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria", conclúen as autoras da investigación.
As conclusións deste estudo confirman os resultados obtidos por outros investigadores e, neste sentido, o silicio actuaría limitando a absorción de aluminio no tracto gastrointestinal e xa que logo diminuíndo a acumulación deste metal tóxico no organismo, incluíndo o tecido cerebral. Doutra banda, o grupo de ratos que recibiu un suplemento de cervexa na súa dieta tamén mostrou unha maior excreción fecal de aluminio que a presentada polo grupo control. En relación coa acumulación de aluminio en tecido cerebral, este grupo presentou igualmente unha diminución de aluminio neste tecido con respecto ao grupo control.
A enfermidade de Alzheimer
Expertos neste ámbito sinalan: "O Alzheimer é un trastorno neurodexenerativo que supón a causa máis común de demencia entre a poboación de idade avanzada e caracterízase por un gradual deterioro funcional en varias partes do sistema nervioso central".
Esta enfermidade cursa sobre todo con perda progresiva de memoria, pero a súa sintomatoloxía completa é moito máis que perda de memoria, abarcando capacidades cognitivas, condutuais e psicolóxicas. Entre a xente maior, a enfermidade de Alzheimer é a responsábel de demencia no 70% dos casos.
O aluminio é o segundo elemento máis abundante na cortiza terrestre, e preséntase xeralmente combinado con osíxeno, silicio e flúor, entre outros elementos. A exposición a aluminio na poboación xeral, é dicir, non exposta laboralmente, é principalmente a través da auga de bebida, en forma de sulfato de aluminio que é comúnmente engadido na auga municipal como coagulante para diminuír a turbidez ou ben como unha consecuencia da choiva aceda que facilita a súa solubilidade, e a través dos alimentos entre os que destacan o té, a espinaca, o apio, o pepinillo e en xeral os vexetais de folla, así como distintas especias e herbas aromáticas como o perexil, a pementa, a mostaza, a canela, a albahaca e a vainilla. Tamén se identificou como unha fonte de aluminio a levadura en po usada na fabricación de pasteis, o cacao, o sal, así como o uso de utensilios de aluminio na cociña; estes enseres poderían engadir até 2 mg/día ao contido de aluminio presente na dieta.
No entanto, o aluminio é un contaminante moi común e está presente na maioría dos alimentos aínda que en menor cantidade. Malia o relativamente exposto que estamos a este metal, só unha pequena cantidade do aluminio inxerido é efectivamente absorbido polo organismo e en condicións normais é excretado pola orina, polo que non existe un risco aparente para a poboación sa. Con todo, demostrouse que nos enfermos de Alzheimer a capacidade do tracto gastrointestinal para excluír o aluminio atópase reducida.
O Centro de Información Cervexa e Saúde é unha entidade de carácter científico que naceu co propósito de fomentar o estudo e a investigación sobre a cervexa e difundir os coñecementos adquiridos a consumidores, profesionais da Nutrición e a Medicina, Administracións Públicas e á sociedade en xeral.
Até o momento o Centro de Información Cervexa e Saúde publicou quince estudos de carácter científico elaborados por entidades de prestixio como a Facultade de Farmacia da Universidade Complutense, o Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía dos Alimentos do CSIC, a Universidade San Pablo-CEU, a Instituto de Nutrición do Consello Superior de Investigacións Científicas, a Escola Superior de Cervexa e Malta, a Sociedade Española de Dietética e Ciencias da Alimentación, as Universidades de Burgos e Valencia e a Universidade de Estremadura.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|