ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*AULIGA presenta en París obras de Ánxeles Penas, Fernán-Vello e Valcárcel

Chuza! esta nova!
Redacción 29 de novembro de 2006 A edicións bilingües galego-francés abren unha liña de colaboración coa prestixiosa Académie de Montmartre.

A Asociación de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galiza (AULIGA) presentará entre hoxe e mañá en París as edicións bilingües en galego e francés de obras de Ánxeles Penas, Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio Valcárcel. Con este acto, organizado en colaboración coa Casa de Galiza na capital gala e coa Académie Universelle de Montmartre, AULIGA abre unha liña de colaboración coa prestixiosa academia parisina.

O encontro, denominado ‘Poèmes de Galice’, contará coa participación dos autores galegos e de Jacques Mercier, presidente de Montmartre en Europa; Antonio Domínguez Rey, presidente de AULIGA, e Agustín Barbazán, director musical do grupo Casa de Galiza, baixo a coordinación de José Díaz Fuentes, escultor residente en París. O evento celébrase a continuación do VII Seminario Internacional de Tradución e Poética que a pasada semana se desenvolveu na vila coruñesa de Rianxo, onde se presentaron as obras bilingües editadas por Espiral Maior.

Lectura de Domínguez Rey e dun poema dedicado de Noël

A primeira xornada de ‘Poèmes de Galice’ terá lugar hoxe mércores, día 29 de novembro, en UVA Grand Montmartre (rúa Duc, 9, 75018-París). As actividades comenzarán cunha presentación xeral a cargo do presidente de AULIGA, Antonio Domínguez Rey, que dará paso a unha lectura de poemas seus e da composición ‘Poésie Vertical’, dedicada polo poeta galo Bernard Noël a Domínguez Rey con motivo dunha homenaxe que a Académie de Montmartre rendeu á súa obra pola difusión das linguas galega e castelá en colaboración coa francesa. Bernard Noël foi o autor convidado por AULIGA en 2005 ó Seminario Internacional de Tradución e Poética, que este ano acolleu en Rianxo a presentación de Verán lingua morta, verquida ó galego por Miguel Anxo Fernán-Vello.

Os actos de París continúan no día de hoxe coa lectura e presentación da Anthologie poétique, de Ánxeles Penas, que o profesor François Davó vén de verquer ó francés en Espiral Maior. O tradutor seleccionou para o libro composicións de Ya soy para tu muerte, O santuario intocable e Galiza fondo val, obras nas que Ánxeles Penas afronta temáticas constantes na súa produción literaria coma o amor e a morte, o paso do tempo, a poesía ou a visión cósmica da terra. A antoloxía bilingüe da autora coruñesa incorpora tamén un poema da obra inédita Os anales do vento, onde tenta recuperar a memoria dos ancestros.

O xoves 30, o encontro ‘Poèmes de Galice’ centrarase en senllas presentacións e lecturas poéticas de Le volume de l’abscence, libro de Xulio Valcárcel trasladado ó francés por Xesús Pensado e Marie-L. Helson, e de Les certitudes du climat, obra de Miguel Anxo Fernán-Vello traducida por Davó. Os autores galegos protagonizarán de seguido unha sinatura de libros e os actos de AULIGA en París clausuraranse cunha degustación de gastronomía galega e a actuación do grupo da Casa de Galiza.

Coa organización deste evento en Franza, a Asociación de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galiza (AULIGA) dá un paso máis no seu obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias arredor da creación literaria a ambas beiras do Atlántico.

Voltar a novas

Ver anteriores


Publicidade:


Tu Nueva Figura