ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas

Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
ADEGA participou na Conferencia Europea sobre a Natureza


Redacción 29 de setembro
2005 A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) estivo presente na Conferencia Europea sobre a Natureza celebrada do 21 ao 25 de setembro na cidade holandesa de Apeldoorn, baixo o lema "As nosas paisaxes: espazo para a natureza, oportunidades para a xente". A conferencia xuntou a institucións, investigadores e asociacións de toda Europa e foi organizada pola asociación holandesa Natuurmonumenten que, con 900.000 socios e socias, é unha das principais asociacións de defensa da natureza de Europa.

Durante a conferencia foi lanzado o Manifesto de Apeldoorn, promovido por Europarc, Eurosite, o Centro Europeo para a Conservación da Natureza e o European Environmental Bureau (EEB), a federación ecoloxista europea da que forma parte ADEGA.

O manifesto de Apeldoorn lembra o compromiso adoptado polos xefes de estado e de goberno da UE en 2001, no cumio de Goteborg, de deter a perda de diversidade biolóxica na UE antes de 2010. Sen embargo, as accións para atinxir este obxectivo foron até hoxe insuficientes no conxunto de Europa e nomeadamente en países como Galiza. O manifesto de Apeldoorn, dada a importancia da biodiversidade para o benestar humano, demanda maior compromiso e aposta por un enfoque proactivo de conservación da natureza baseado na xestión dos ecosistemas e a participación social.

A idea forza do chamamento de Apeldoorn é a conectividade, entendida en tres dimensións. A física: a conexión entre as zonas de maior interese natural a través de corredores ecolóxicos, particularmente relevante en países coma o noso, cun medio natural tan fragmentado por núcleos de poboación, vías de comunicación,.... A da xente: a necesidade de incrementar o interese e a implicación coa natureza dos pobos europeos, xerando oportunidades de emprego e incentivando o desfrute ordenado do medio natural. E a conexión entre práctica e política, para o que cómpre integrar de forma efectiva os obxectivos de conservación da natureza en todas as políticas públicas.

Nos diversos talleres de traballo da conferencia abordáronse de forma específica diferentes cuestións, algunhas de especial importancia para a nosa terra, como o impacto negativo sobre a biodiversidade da substitución de terras de uso agrario tradicional por plantacións forestais, cómo poden ser utilizados os fondos europeos para a creación de corredores ecolóxicos ou o impacto potencial do cambio climático inducido pola queima de combustíbeis fóseis (carbón, petróleo, gas natural) sobre a biodiversidade.

A Rede Natura 2000, a rede europea de espazos naturais protexidos, recibiu unha atención especial na conferencia, ao ser o principal instrumento de ámbito europeo para a conservación da biodiversidade. O manifesto de Apeldoorn reclama a súa ampliación e que se tomen as medidas necesarias para a súa conservación, incluíndo a preparación de planos de xestión e de programas de vixilancia e seguemento. A proporción de territorio protexido pola Rede Natura 2000 en Galiza, o 12, 1%, é moi inferior á media española e europea. Case todos os espazos galegos da Rede Natura 2000 carecen de planos de xestión, están mal vixilados e son obxecto de múltiples agresións ambientais.



Voltar a novas

Ver anteriores