|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*ADEGA denuncia a construción dunha urbanización en Valdoviño, en terreos da rede Natura
Redacción 29 de agosto de 2006 A delgación Trasancos de ADEGA convoca unha rolda de prensa este mércores día 30 ás 12 da mañán no local de Sargadelos en Ferrol, para expoñer o seu rexeitamento á urbanización que a promotora “CONSTRUCCIONES RÍAS GALLEGAS” está a construir na praia da Frouxeira, concello de Valdoviño. A obra estase a facer en terreos incluidos no LIC Costa Ártabra (rede Natura 2000) e no espazo RAMSAR, con hábitats considerados prioritarios pola Directiva 92/43 CE. Alén disto, o complexo residencial está afectado pola Lei de Costas e sitúase a poucos metros da dobre muralla do castro da Frouxeira.
Por iso ADEGA esixe da administracón que proceda á súa inmediata paralización, tamén por cuestións de xustiza social. Sería inxusto que nun espazo protexido (pola Directiva de Hábitats da UE, pola Lei de Costas do Estado e pola Lei do Patrimonio Cultural de Galiza, alén das normas subsidiarias provinciais), no que por razóns obvias existen importantes restriccións ás construccións, un promotor inmobiliario poidera facer o que non poden os propios veciños/as.
A este respeito, ADEGA demanda dos poderes públicos, Xunta e concellos, que tutelen e garantan os intereses xerais, os de todos os veciños e veciñas, fronte aos atropellos das inmobiliarias, facendo que as leis sexan iguais para todos/as. As administracións deben actuar na cuestión urbanística con criterios de xustiza social e sustentabilidade e non permitir que unha empresa, por moitos cartos que pague, poida facer o que non poden os veciños nas súas terras.
Tamén e para evitar que noutros espazos costeiros para os que aínda non existe unha protección legal, mais que teñen un alto valor paisaxístico, se leven a cabo actuacións que deterioren irreversíbelmente o litoral, ADEGA volta a esixir medidas urxentes para garantir unha planificación sustentábel da costa. A Lei de Protección da Paisaxe Galega, que verá a luz en 2007 e o Plano Reitor de Usos da Costa anunciado para este ano, poden chegar tarde se non se declara unha moratoria urbanística xa.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|