|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión ForoNOVO!!! Arquivo Ligazóns
|
*Sentenciado
o concello de Dozón a indemnizar con 6.000 euros a Ana Lois
Navaza por acoso moral
Redacción,
29 de xullo 2005.
A CIG
demanda a inhabilitación de Adolfo Campos Panadeiro,
alcalde da vila. A Sala do Contencioso-Administrativo do
Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir
sentenza contra o concello de Dozón, declarando o dereito
da funcionaria do concello, Ana Lois Navaza, a percibir unha
indemnización de 6.000 euros por acoso moral. Con esta, son
xa 25 as sentenzas a favor da traballadora, sen que teña
mudado a situación de acoso que padece no concello.
A
CIG presentaba esta mañá, en rolda de prensa, a
valoración da sentenza emitida polo Tribunal Superior de
Xustiza de Galiza, na que se conclúe que existe “unha
manifesta responsabilidade patrimonial da Administración
demandada” e cuantifica a indemnización a pagar polo
concello de Dozón en 6.000 euros.
A
sentenza recolle como probado que o alcalde de Dozón,
Adolfo Campos Panadeiro, do Partido Popular “adoptou unha
serie de actitudes, resolucións, e ordes de traballo que
afectaban a aspectos profesionais da funcionaria (Ana Lois
Navaza), como descanso matinal, modificación de xornada,
traslado do lugar de traballo, sancións disciplinarias e
supresión de complementos”, tras presentarse esta
como candidata nas listas electorais do BNG do Deza.
Estas
actuacións foron anuladas e o alcalde foi condenado por
esta actitude por falta de inxurias, quedando demostrado que a
síndrome adaptativa e depresiva que padece a traballadora
foi provocada pola problemática “laboral que viu
sufrindo”, ao igual que o stress laboral “do que
tampouco cabe dúbida que deriva da tensión vivida
coa alcaldía”.
Actitude antidemocrática
O
acoso moral e laboral continuado que vén padecendo a
traballadora remóntase ao ano 1999, data na que por vez
primeira, no concello de Dozón, se conseguen presentar
candidaturas polo BNG -que pecha a traballadora- e polo
PSOE.
Henrique Outeiral, membro da Executiva Comarcal da
CIG na comarca de Pontevedra, subliña que a partir dese
momento comeza a presión, porque “Adolfo Campos
Panadeiro, estaba afeito a que só se presentara a
candidatura do PP e non comprendeu nunca o que é a
democracia nin o que significa a alternancia no poder”.
A
situación empeora cando Ana Lois Navaza participa na
candidatura da CIG nas eleccións sindicais no concello de
Dozón. A partir dese momento, ademais de presentar as
denuncias correspondentes, a CIG pon en marcha unha campaña
de mobilizacións, folgas, manifestacións, peches nos
plenos e concentracións que derivaron, segundo Outeiral
“nunha cada vez maior represión sobre a traballadora
mesmo coa apertura de expedientes disciplinarios que foron
anulados pero que supuxeron, mentres non se emitía fallo, a
suspensión do soldo da traballadora durante períodos
que chegaron até os sete meses”.
Outeiral
denunciou ademais que hai outros catro traballadores que sofren
acoso moral, aínda que o caso de Ana Lois é o máis
grave. A todos eles impídeselles realizar o traballo para o
que estaban destinados e “para desenvolvelo a alcaldía
contratou a persoal laboral”, explicou Outeiral.
O
BNG levou en varias ocasións o tema ao parlamento de Galiza
e mesmo chegou a presentalo no Congreso dos Deputados, sen que se
actuara sobre o alcalde para obrigalo a cumprir coa legalidade ou
para inhabilitalo.
Pola súa banda, Elvira Patiño,
Secretaria Confederal de Muller e Servizos Sociais da CIG,
denunciou a pasividade coa que actúa a Inspección de
Traballo, “máis cando se conseguiu -mediante sentenza
xudicial- que se recoñecera como accidente laboral a
síndrome adaptativa e depresiva que padece a
traballadora”.
Patiño subliñou que
cando se produce un accidente laboral a Inspección debe
procurar que as causas que o provocaron se solventen para que non
se volva reproducir, cousa que neste caso non aconteceu. A CIG
demandará tamén do novo goberno da Xunta “que
actúe e dea unha solución á compañeira”,
facendo uso da lexislación aprobada polo propio
Parlamento.
Para a Secretaria Confederal de Muller e
Servizos Sociais da CIG tamén é incomprensíbel
que a fiscalía non actúe afirmando que non hai
indicios de delicto cando 25 sentenzas, con esta, recoñecen
a existencia de acoso e a actitude do alcalde. Neste sentido,
Elvira Patiño adiantou que a CIG seguirá recorrendo
ás instancias xudiciais até conseguir que se
inhabilite ao alcalde de Dozón, Adolfo Campos
Panadeiro.
Ao tempo, lamenta que teña que ser o pobo
de Dozón, a través do concello “quen asuma a
responsabilidade patrimonial de indemnizar á traballadora
con 6.000 euros, pola actitude impresentábel do
alcalde”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|