ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas

Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
Galiza Nova demanda máis emprego e menos propaganda no Galiemprego



Redacción, 29 de abril 2005. O único gamberro para a organización nacionalista é un presidente que xoga co emprego como se fose mercadoría eleitoral
Un militante da organización nacionalista permanece detido na comisaría española
Galiza Nova solicitara permiso para a colocación dun stand na feira, que foi denegado pola Xunta
Convocouse unha concentración para esse mesmo día ás 20:00 h. na Alameda de Santiago

Un grupo de vinte militantes de Galiza Nova interveu na sesión inaugural de Galiemprego para reclamar “máis emprego e menos propaganda” ao goberno da Comunidade Autónoma Galega. A protesta foi duramente reprimida pola Policía Española e os escoltas personais de Manuel Fraga, que identificaron a todas e todos os participantes e detiveron arbitrariamente a varios militantes, nunhas imaxes censuradas pola TVG a pesar de recoller a noticia nos teletipos da súa páxina web. Actualmente permanece retido un compañeiro de 18 anos na comisaria da Policía Nacional de Compostela, na rúa Rodrigo de Padrón.

En solidariedade con este compañeiro e en exixencia da súa inmediata liberación, Galiza Nova convocou unha concentración urxente para ese mesmo día, ás 20:00 na Alameda de Santiago, contando coa colaboración dos Comités Abertos de Faculdade, organización na que participa o mozo.
Varios diputados nacionalistas xa se interesaron pola súa situación, sen que até o momento poidamos saber máis que o motivo da súa detención: unha suposta “agresión” a un policía que se tería ferido nun dedo. No entanto, foron varias as persoas contusionadas pola policía que se achegaron ao hospital a solicitar unha exploración médica.

En concreto, no acto de protesta as mozas e os mozos nacionalistas desplegaron uns paneis informativos onde se podían ler os dados de precariedade (90% dos contratos), desemprego (40%, ademáis do feito de que só un 6% da mocidade atopa a primeira colocación a través do Servizo Galego de Colocación) e emigración (20.000 persoas cada ano) que sufre a mocidade galega por culpa das nulas políticas do PP e do goberno de Manuel Fraga; a protesta comezou nun momento particularmente significativo, despois de asistir a un idílico vídeo de presentación do certame, no cal os únicos traballadores aparecían en gabinetes cheos da última tecnoloxía, afírmase que o paro na Galiza reducíase “máis que a media española” e insertabanse todo tipo de imaxes sobre unha modernidade tecnolóxica e unha situación próxima ao pleno emprego na cal non vivimos na Galiza.

En relación ás declaracións de Manuel Fraga, nas que pedía –despois de asistir tranquilamente á malleira policial- “máis emprego e menos gamberros”, podemos afirmar que o único gamberro é un presidente que xoga co emprego da mocidade como unha mercadoría eleitoral, que nega ante as cámaras e os focos as cifras de desemprego e precariedade que a mesma Xunta recoñece en diversos informes, que incumpre a súa promesa eleitoral de 2001 (“Garantizaremos un contrato dun ano aos xóvenes con formación que non teñan experiencia profesional e non cheguen aos seis meses de paro”) e despilfarra milleiros de euros nun certame propagandístico sen función real, apostando pola represión contra  a mocidade que se manifesta. Hai que salientar, que, aparte de ser a manifestación un acto plenamente lexítimo e propio de nacións civilizadas, e non ao contrario, Galiza Nova solicitara da Consellería autorización para a instalación dun stand informativo sobre a súa visión do emprego xuvenil, que foi denegado.

Do mesmo xeito, Galiza Nova denunciou o incumprimento dun compromiso eleitoral de Manuel Fraga, presidente da Xunta: garantir un posto de traballo a todos os mozos e mozas desempregados.


RELACIONADO:
*Os CAF denuncian o acontecido no Galiemprego
*A CIG denuncia a actuación policial

Voltar a novas

Ver anteriores