|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*O
Sindicato Labrego cualifica de barbaridade a manipulación
xenética de vides en Galiza
Redacción,
29 de abril 2005. As investigacións da Universidade de
Vigo neste eido carecen de utilidade para Galiza e atentan contra
o noso patrimonio vinícola, un dos máis ricos de
Europa. O
SLG
cualifica como unha auténtica barbaridade que, desde
institucións públicas como a Universidade de Vigo,
se financien proxectos sobre biotecnoloxía na viticultura e
fruticultura en base á enxeñería da
manipulación xenética. E salientamos o cualificativo
de barbaridade, xa que estas tecnoloxías, desde calquera
punto de vista económico, ambiental e de saúde, non
aportan ningún elemento favorable na elaboración de
viños de calidade.
De
feito, existe un amplo consenso entre técnicos reputados á
hora de admitir o perigo que entrañaría o emprego de
tecnoloxías transxénicas en cuestións tan
sensíbeis como a tipicidade dos viños e a
viabilidade das cepas.
E non o di só o SLG:
poderiamos citar as opinións ao respecto de técnicos
da Federación Galega de Enólogos (Evega), por
exemplo. A nivel internacional, elaboradoras tan prestixiosas como
Puligny-Montrachet, e outros membros da Academia Internacional do
Viño, teñen definido a introdución de
tecnoloxías transxénicas como un tema "silencioso,
insidioso, e máis grave do que se pensa, pero do que non
nos din nada e no que temos a impresión de que actúan
ás nosas costas".
Na Galiza, existen varias
viticulturas comarcais que abranguen caracteres atlánticos
e mediterráneos, cunha diversidade varietal única
por ser unha fisterra vitícola en Europa, onde reputados
ampelógrafos sitúan en máis de 80 as castes
autóctonas propias. Isto danos unha grande avantaxe
comparativa sobre outros países e rexións, e unha
grande multiplicidade de tipos de viños, se temos en conta
a diversidade de solos e microclimas.
A viticultura moderna
que procura viños de alta expresión desbota
tecnoloxías enolóxicas uniformizadoras, coma o
emprego de levaduras de síntese, ultrafiltracións,
microsixenación, osmose inversa, fitosanitarios de síntese
e, desde logo, a enxeñería xenética. De
feito, a nosa supervivencia como viticultura milenaria e labrega
está en elementos como a escolla varietal, portaenxertos
precoces, viticultura ecolóxica, levaduras autóctonas,
etcétera, e así o testemuñan moitos dos nosos
viños máis afamados.
Resulta un verdadeiro
disparate agronómico e económico procurar cepas máis
resistentes á seca no noso entorno xeográfico xa
que, por moito que diminúan as precipitacións,
estamos nun dos climas vitícolas máis húmidos
do mundo se o comparamos con zonas moitísimo mais secas (A
Mancha, A Rioxa, Cataluña, Sur de Italia, Sudáfrica,
California, Arxentina, Chile, etcétera).
Tendo en
conta que non está permitida a produción en Europa
da inmensa maioría dos transxénicos, así como
os seus elaborados; e tendo tamén en conta que
investigacións máis prioritarias, como a as que se
desenvolven na Estación de Viticultura e Enoloxía de
Galicia (Evega), reciben raquíticas achegas orzamentarias
(a caracterización varietal e certificación material
das nosas castes propias leva paralizada oito anos), raia na
prevaricación que se destinen 15.000 euros a estas
investigacións ao redor da manipulación xenética.
O
suposto grupo científico do profesor Rei que traballa
nestes proxectos non procura ningunha mellora na nosa viticultura,
polo que o seu traballo semella responder a pretensións de
narcisismo académico e só beneficia á
industria química e farmacéutica, que, por outra
banda, acostuma a ser quen financia este tipo de investigacións.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|